O «Papagaio» de Luísa Villalta e Maribel Longueira volve ás librarías

Alejandro García Chouciño
A. G. CHOUCIÑO A CORUÑA

CULTURA

Maribel Longueira e Cesáreo Sánchez
Maribel Longueira e Cesáreo Sánchez Marcos Miguez

A nova edición foi presentada no Circo de Artesáns da Coruña

15 jul 2024 . Actualizado a las 22:17 h.

«Hai máis de 20 anos que levaba esgotado e había moita xente que buscaba o libro e non o atopaba por ningures», sinalaba este luns Maribel Longueira, artista plástica, sobre Papagaio. Trátase dunha das obras máis auténticas, críticas e con maior compromiso feminista de Luísa Villalta. Agora, no mesmo ano no que é homenaxeada co Día das Letras Galegas, esta obra volve ás librarías da man da editorial Kalandraka nunha edición renovada na que os versos da autora acompañan as fotografías de Longueira.

O Circo de Artesáns da Coruña acolleu este 15 de xullo —data do aniversario da poeta— a presentación deste libro; un encontro organizado en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda no que tomou a palabra Francisco Xosé Fernández Naval, autor xunto con Eva Veiga (que non puido asistir a causa do covid) do limiar e do texto introdutorio da obra, canda a fotógrafa Maribel Longueira e o músico César Morán, e aos que se sumaron Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka, e os poetas Miguel Anxo Fernán-Vello, Marica Campo e Cesáreo Sánchez. «Para min supuxo unha gran ledicia. Xa quería reeditar este libro hai tempo. A editorial Kalandraka coidou con moito mimo e amor as miñas fotografías para que puidesen estar o mellor editadas. Téñolles que agradecer moito. Tamén a María Gómez, a nai de Luísa, e a Susana Villalta, a irmá, por deixarme a posibilidade de reeditar este novo Papagaio», afirmou Longueira.

Ao acto asistiron a nai e a irmá de Luísa Villalta
Ao acto asistiron a nai e a irmá de Luísa Villalta Marcos Miguez

A orixe do libro remóntase ao 2001, cando este barrio coruñés (espazo tradicionalmente dedicado á prostitución) foi derrubado por intereses especulativos. Durante o proceso de demolición, Maribel captou coa súa cámara analóxica o traballo das máquinas, o estado ruinoso dos edificios e algúns dos obxectos que quedaron entre os cascallos. Publicado por primeira vez no 2006 (Luísa faleceu no 2004), este libro recolle unha pequena selección de imaxes que documentan a desaparición daquel histórico enclave, ás que Luísa lles deu voz a través de 19 poemas. A ollada lírica de Villalta nesta obra tamén denuncia o abuso, o oprobio e a deshumanización que sufriron as protagonistas deste drama, uns fíos que «se confunden significativamente cos relativos á ditadura franquista e ao seu envoltorio nacionalcatólico», como apunta Eva Veiga no prólogo.

A RAG celebrará un simposio pola poeta en novembro

Por outra banda, a Real Academia Galega avanzou onte que celebrará do 19 ao 21 de novembro o Simposio Luísa Villalta, un encontro no que preto dunha vintena de especialistas afondarán na vida e na obra da autora á que a institución lle dedica este ano as Letras Galegas. Todas as sesións, abertas ao público, desenvolveranse en horario de tarde.

Baixo o título Mil son eu tan só, tan soa, o simposio da RAG, coordinado polas académicas Margarita Ledo Andión e Ana Romaní, arrincará con dous relatorios da poeta e Eva Veiga e do músico Paulino Pereira. A primeira xornada continuará cunha mesa redonda.