Agosto

Juan L Blanco Valdés BÁGOAS DE COCODRILO

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

05 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O tópico que nos describe aos galegos como equívocos usuarios dunha escaleira ten unha aplicación especialmente sensible á nosa climatoloxía, ai, tan impredicible. Tamén élle boa festa botarmos todo o día ollando o ceo e agardando que o anticiclón dos Azores estea de boas! En famosa tonadilla cantaba Siniestro Total: «Miña terra galega, onde o ceo é sempre gris». Home, tampouco é que sempre sexa gris pero por aí anda. Lembro que no anuario dun rotativo nacional de hai xa tempo saía Ortigueira como o concello español con menos días de sol daquel ano.

O concepto do «bo tempo», así pois, é coma quen. Coñezo eu (e seguramente vostede tamén) veraneantes tradicionais en Foz, Ribadeo, Viveiro... que viven as súas ferias de agosto reconciliados cos ceos adoito atoldados daquelas latitudes, sen agardaren que un sol hortera e chabacano veña desvirtuar o que xa é un sinal de identidade do estío cantábrico. Máis ao sur e oeste, na Costa da Morte, os comentarios clásicos, mentres se olla o ceo de boa mañá son «isto abre» ou «isto son néboas de

primeira hora», malia que, xa contra a tardiña, isto non abrira e unha túzara brétema persista ás nove da noite. E todo por non falar do impertinente nordés, que pode arruinar os mellores designios dunha

«fiesta jolgorrio». Aprendidos pola sublime mestra que é a experiencia, din os mariñeiros: «O nordés, tres, seis ou desaséis», referíndose ao número de días que, segundo lle pete, pode soprar arreo. Claro, imaxine vostede que a un fodechincho con piso alugado en Laxe para a segunda quincena de agosto o pillen dúas semanas de nordés. Entón Galicia pasa de ser refuxio climático a sitio distinto de clima intratable. Aínda bo é.

Vaia, que nunca chove a gusto de todos, todas e todes, pois preciso é advertir que o clima, probablemente a cousa máis inclusiva que existe, afecta por igual a todos os sexos e identidades de xénero. De por parte, eu, que son persoa de principios más ben plásticos, non teño problema en deixarme seducir polas convencións agosteñas máis ortodoxas e gozar como un rato enriba dun queixo dun xantar entre amigos nun furancho do país, ao conxuro dunha milnove xeada e unha tortilla con LTS (leitugha, tomate, sebola). O sur para quen o queira.