
Ogran pintor Pablo Picasso non parece admitir límites internacionais, como viñeron demostrando as moitas exposicións realizadas con obras súas en todo o mundo. Particularmente chamativa foi a súa mostra do ano 2019 no Centro UCCA de Arte Contemporáneo de Pequín, que veu cumprir o soño de levar a China uns cadros nunca antes vistos no xigante país asiático. Baixo o título Picasso: o nacemento dun xenio, a exposición reuniu na capital china 103 obras (34 lenzos, 14 esculturas e 55 traballos sobre papel), para intentar desvelar o segredo de como Picasso se foi facendo a el mesmo durante as primeiras décadas da súa carreira artística.
A mostra que agora se prepara —para ser inaugurada en marzo do 2025 no museo M+ de Hong Kong— ofrecerá unha retrospectiva sobre a obra de Picasso, que se presenta como a gran exposición dos últimos doce anos, e concibida «desde unha ollada asiática». Contará con máis de setenta grandes obras (de 1890-1970) maiormente procedentes do Museo Picasso de París, que ten a mellor colección do pintor (coa excepción de cadros coma o Guernica, que podemos ver no Museo Reina Sofía de Madrid, ou As señoritas de Avignon, presente no MoMA de Nova York).
Ambas exposicións serven ó propósito de divulgar e facilitar o coñecemento da obra —sempre innovadora, profunda e complexa— do pintor nacido en Málaga en 1881, logo decantado vocacionalmente na Coruña («só para min foi unha festa o traslado a Galicia», segundo el dicía) e finado en Mougins, Francia, en 1973, ós 91 anos.
A paixón china pola obra de Picasso está tendo unha influencia directa sobre os artistas asiáticos contemporáneos, e ben se pode falar dun diálogo fluído entre a obra do pintor español e a dos pintores asiáticos modernos, chinos e xaponeses. Nestes momentos tamén se está preparando outra exposición para exhibir en dous museos de Pequín e Xangai, cuxa inauguración está prevista para o segundo semestre do 2025. Unha tendencia que non parece ter visos de afrouxar ou deterse, cando todo parece indicar que estamos ante unha sólida aposta artística e cultural.