O festival teatral de Carballo enxalza o seu labor como «pioneiro da narración oral»
21 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Que sería do teatro galego sen iniciativas como o FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo)? É un dos piares desta arte e desta profesión, cuxo impacto social está á altura de proxectos como o Centro Dramático Galego, a MIT de Ribadavia e a Escola Municipal de Teatro de Narón. Pois ben, camiño da celebración da 33.ª edición deste feliz encontro —prevista para o próximo outubro—, o xurado acordou conceder o seu premio Xograr de Outono ao actor Avelino González (Santo André de Comesaña, Vigo, 1962), que colle así o testemuño da comunicadora cultural, académica, escritora e poeta Ana Romaní, recoñecida no 2023.
Co galardón, a feira teatral —que xa é un referente en España polo seu labor a prol da formación de novos públicos e o fortalecemento da escena da comunidade— quere poñer en valor figuras imprescindibles do sector cultural e distinguir a traxectoria de profesionais do ramo. O fallo enxalza en Avelino González a súa valiosa carreira para as artes escénicas galegas, en canto que, subliña, «representa as características dun auténtico xograr, pola diversidade artística do seu perfil, xa que, ademais de actor, é un pioneiro da narración oral e un dos narradores máis relevantes da nosa terra, así como un recoñecido tradutor». Unha polivalencia que o propio artista admite: «Son actor, contador, monologuista, tradutor; son... o que faga falta. Empecei nisto por casualidade e agora gústame mesmo picar entradas. Gústame entreter a xente con personaxes e historias que emocionen e divirtan, porque a min tamén me gusta que me emocionen e divirtan».
O xurado incide en que Avelino González «é unha das personalidades máis carismáticas e queridas da cultura galega, cun espírito implicado e inquedo, apaixonado do teatro galego e moi coñecido e aplaudido polo público do FIOT e de Carballo, pola súa presenza habitual nos seus escenarios, tanto no Auditorio do Pazo da Cultura coma no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproducións; e, tamén, da Rúa dos Contos, cos seus espectáculos propios».
Avelino González —que recollerá o seu galardón este outono en Carballo— lembra os seus azarosos inicios: «A primeiros dos anos oitenta suspendín a selectividade, e as alternativas que había eran mergullarme na movida viguesa ou facer teatro cuns veciños... E ata agora. Comecei cargando escenografías e fixen teatro, dobraxe, cine, televisión, contos, captura de movementos, animación de rúa... De todo. E todo, bonito de facer».
Os Picapedra e Padre Casares
Traduciu os Picapedra ao galego naquelas primeiras dobraxes con Cándido Pazó; tamén teatro irlandés; foi «o primeiro en España» en andar en moto en zancos; actuou nas series de televisión de Voz Audiovisual As leis de Celavella e Padre Casares; contou contos en Polonia e en Cuba; foi dirixido por Cándido Pazó, Roberto Vidal Bolaño, Santiago Cortegoso...; traballou con Talía Teatro e Coperactiva; colaborou na fundación de OllomolTranvía; actuou en Commedia, un xoguete para Goldoni...
«Agora —engade Avelino González— conto contos; actúo con Toni Salgado no Apaga o candil da compañía Contraproducións, que escribiu e dirixiu Cándido Pazó; fago castings... E, de agora en diante, a seguir facendo teatro, castings e series, contando contos, mirando teatro... Seguir neste oficio do que me gusta todo. Mesmo picar entradas», insiste divertido.