O Ourense Film Festival premia a traxectoria de Carlos Montero

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Carlos Montero recollerá o premio na gala inaugural do OUFF.
Carlos Montero recollerá o premio na gala inaugural do OUFF. Carla Oset | Netflix

O guionista e escritor de Celanova é o creador de «Élite», de Netflix

28 ago 2024 . Actualizado a las 10:23 h.

Fillo e neto de fotógrafos de Celanova —o seu avó Arturo foi o primeiro profesional da vila—, Carlos Montero (Celanova, 1972) cursou os seus estudos en centros que lembran a grandes escritores galegos: o colexio Curros Enríquez e o IES Celso Emilio Ferreiro. E decidiu marchar a Madrid para estudar Comunicación Audiovisual. Formou parte dunha xeración de grandes profesionais —alí coincidiu cos seus amigos Mateo Gil e Alejandro Amenábar— e dende o primeiro momento decantouse pola escrita, como guionista para televisión e como novelista.

Comezou en series como Al salir de clase, El comisario ou Maneras de sobrevivir. Unha etapa inicial que lle serviu para crear despois unha das series máis exitosas e recordadas da televisión, o drama adolescente Física o química (2008-2011). Para Netflix, que o fichou para a súa plataforma, creou outra serie de éxito internacional: Élite, que estrea agora a súa oitava e derradeira temporada.

O rapaz que se foi a Madrid a estudar volverá o vindeiro día 27 para recoller o Premio Ourense do OUFF na gala inaugural do mesmo. O festival de cine acordou conceder o galardón a Carlos Montero como recoñecemento á súa traxectoria e ao éxito nacional e internacional do seu traballo. O Ourense Film Festival está organizado pola Fundación Carlos Velo e conta co patrocinio da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.

«El desorden que dejas»

Carlos Montero tamén se ten distinguido polo seu traballo no campo da literatura. No 2016 gañou o premio Primavera de Novela coa súa obra El desorden que dejas. Foi catro anos despois, no 2020, cando regresou a Galicia para adaptar ao audiovisual o seu propio texto literario xunto coa produtora galega Vaca Films. A serie para televisión transformou o seu vello IES Celso Emilio Ferreiro no instituto de Novariz, a vila imaxinaria onde se desenvolvía a acción, e Celanova foi o espazo central de rodaxe da mesma. Inma Cuesta, Bárbara Lennie, Tamar Novas e Arón Piper foron os protagonistas.