
Laura Suárez imponse na categoría infantoxuvenil co álbum «A raíña cadáver»
28 ago 2024 . Actualizado a las 23:08 h.Gran colleita do 94. A ilustradora Sandra López Díaz, que firma os seus traballos como Sandra Lodi (Lugo, 1994), alzouse coa 19.ª edición do premio Castelao de banda deseñada coa obra Adelina. Na categoría para público infantil e xuvenil, impúxose a debuxante Laura Suárez (Dumbría, 1994) co álbum A raíña cadáver. Ao concurso convocado pola Deputación da Coruña presentáronse dezaoito orixinais. Ambas as dúas gañadoras verán publicados no 2025 os seus traballos galardoados e recibirán senllas bolsas económicas por importe de 6.500 euros.
O xurado, presidido pola deputada de cultura, Natividade González, enxalzou «o acabado solvente» de Adelina, que, engade, amosa, ademais, «unha gráfica moi expresiva e recursos desenfadados» para abordar «o tema da vellez con frescura, humor, crítica social, moita acción e diversión».
Lodi, asentada en Compostela, e devota da máxima de «á reflexión pola vía do humor», é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca na especialidade de pintura, unha etapa na que tamén tivo a oportunidade de coñecer o método de produción creativa da milanesa Accademia di Bele Arti di Brera. A artista luguesa traballou como directora de arte e deseñadora gráfica durante anos, realizando traballos para marcas nacionais e internacionais. Actualmente publica as súas ilustracións na revista satírica Mongolia e en El Estafador, ademais de colaborar con distintas publicacións como ilustradora de prensa.
No ano 2019, Lodi recibiu o premio Curuxa de humor gráfico; no 2021 foi seleccionada na bienal de pintura Eixo Atlántico; no 2022 levou en Lugo o premio no Combate Mural do Culturbán; no 2023 acadou o premio de pintura rápida do Festival de Cans; e este mesmo ano, o concurso de álbum ilustrado Alberte Quiñoi.
En canto á obra de Laura Suárez, o fallo eloxia o seu «acabado completamente profesional» como tamén «un estilo propio moi persoal e o dominio das formas e da cor». O xurado destaca, ademais, o uso dunha «gráfica moi adecuada para a historia que propón, de influencia medieval».
Establecida en Cee, Suárez estudou Belas Artes na Universidade Politécnica de Valencia e expuxo as súas ilustracións en Barcelona e México. Xunto ao selo londiniense Flying Eye Books, creou e ilustrou a súa primeira serie de cómic infantil, Monster Support Group.
O xurado estivo integrado polos debuxantes Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, gañadores do certame no 2023, Quico Pérez, Paula Chesire e Xulia Vicente.