Matárono por unhas mazás

CULTURA

Detalle dunha homenaxe a Manuel Gómez del Valle celebrada en Ourense no 2006.
Detalle dunha homenaxe a Manuel Gómez del Valle celebrada en Ourense no 2006. Miguel Villar

27 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei se o título —Matárono por unhas mazás— é publicitario, pero non é desaxeitado por referirse ao poeta Manuel Gómez del Valle, fusilado en Ourense, polo ferro irado, o 11 de agosto de 1936. Ademais de xornalista, mestre e poeta, era comunista, catro títulos sospeitosos no clima daquelas pavorosas datas. Convócoo hoxe neste Beatus porque hai días, o 19 deste mes, foi homenaxeado na Guarda co gallo das actividades organizadas na vila en lembranza dos que morreron, tamén polo ferro irado, no campo de concentración de Camposancos. Entre as actividades no Instituto da Sangriña e no Concello, houbo unha conferencia-recital protagonizada polo infortunado poeta ourensán que interesou, dun xeito especial, aos corenta asturianos vidos do principado para homenaxearen aos seus paisanos inmolados nos anos máis duros da época de Atila. Esta xornada conmemorativa foi organizada, coma noutras edicións, pola Asociación para a Recuperación da Memoria do Campo de Concentración de Camposancos e por Comisións Obreiras de Vigo.

De Gómez del Valle recitouse, liturxicamente, o seu poema máis acaído para a ocasión, de 1932: Manifiesto pastoril a los niños pobres del mundo, que, no título e no contido, ten certa semellanza coa gran Proclama de 1848. Comeza o poeta interpelando aos nenos descalzos das escolas das aldeas para advertilos de que os nenos señoritos da cidade son os que comen as súas mazás, advertencia que matiza cando aclara que na cidade «hay también niños / pobres que tienen hambre» de mazás, de leite... O poeta, que escribe algúns versos con letra maiúscula —é un manifesto—, finaliza en letras grandes, con estes tres: «Niños pobres del campo, un día os juntaréis / para repartiros tan rica leche, / tan rojas manzanas!».

Tamén se homenaxeou e se recitou outro poeta galego, Federico García Lorca (1898-1936), fusilado en Víznar (Granada). Na conferencia destacouse un texto en prosa, a charla coa que Lorca inaugurou a biblioteca de Fuentevaqueros, na que afirmou que, se el fose esmoleiro, mendigaría medio bolo de pan, pero tamén un libro, palabras que glosou a secretaria xeral de Comisións Obreiras.