O Ateneo Atlántico de Vigo vén de renderlle unha homenaxe á escritora e xornalista María Xosé Porteiro, gran defensora da lingua e a cultura galegas
17 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Queremos tanto a María Xosé. Si. Talvez este título de inspiración cortazariana —un libro, por certo, no que falaba de Glenda, que foi censurado polo réxime militar arxentino no ano 1980— resulte a estas alturas un tanto recorrente ou tópico, mais permitiranme que o parafrasee porque orienta ás claras a intención destas liñas.
O Ateneo Atlántico de Vigo —un espazo independente e plural que, dirixido por Luísa Abad, camiña con paso firme cara aos seus primeiros dez anos de vida e actividades— rendeulle hai dúas semanas tributo, recoñecemento ou homenaxe, léase como se queira, a María Xosé Porteiro na biblioteca da EMAO [Escola Municipal de Artes e Oficios] coas intervencións de Llerena Perozo, Amada Traba, Manuel Bragado, Víctor Freixanes e Alberto Avendaño, ademais da participación do artista cubano Raynier Aldana.
María Xosé Porteiro, colaboradora que foi destas páxinas, é entre outras cousas memoria fiel e, en moitas ocasións, protagonista de acontecementos de moi diverso carácter ocorridos en Vigo, en Galicia, en Cuba ou na Arxentina. Pioneira en moitos aspectos na defensa de causas como a nosa lingua e a nosa cultura, alén de tantas outras que resulta imposible enumerar aquí, eu quixera salientar o que simboliza unha voz como a súa, que sempre me pareceu que a debía ter modulada desde o berce, para moitas persoas da miña xeración que viviron a súa mocidade ao abeiro de Radio Popular de Vigo, onde Porteiro, xunto con outras moitas persoas que hoxe moito aprecio, nos convencía desde o exemplo de como a lingua galega servía tamén para facer información radiofónica de calidade, como ben demostraba ao dirixir o informativo A bisbarra entre os anos 1981 e 1985.
Creo que, malia seguir a súa traxectoria desde a distancia, foi unha novela súa, ou unha miña —tanto ten—, o que me permitiu coñecela persoalmente nun día importante para min. Lembro que insistiu en como era posible que, con tantas amizades comúns, nunca compartísemos un café ou unha conversa. Desde aquela estreitamos os lazos de amizade, porque tamén, entre outras cousas, a memoria de Celso Emilio Ferreiro e a literatura en xeral unen moito, malia que sexa inevitable que cada vez que oio a súa voz por teléfono, nunha mensaxe de voz, nunha entrevista que se lle realiza, nunha presentación dun libro na que intervén, sexa imposible non trasladarme a aqueles felices anos —creo que o foron— aos que me referín, onde había tanto por descubrir.
Se alguén merece que se faga un alto e se recoñeza un percorrido profesional e persoal, esa é, sen dúbida, María Xosé Porteiro. Os meus parabéns ao Ateneo Atlántico por esta decisión que honra á institución e a María Xosé Porteiro, por tantos anos de traballo, por todo o que nos deu e por todo o que lle falta por nos dar, sempre desde as instancias desa xenerosidade e da modestia que tanto a caracterizan.