O filme «Prefiro condenarme» de Margarita Ledo estrearase no Festival de Sevilla
CULTURA
O documental explora a historia real de Sagrario Ribela Fra, unha mariscadora da ría de Ferrol
24 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Prefiro condenarme é o título da nova película de Margarita Ledo, que terá a súa estrea mundial no Festival de Sevilla dentro da sección Las Nuevas Olas. O filme, que conta con Melania Cruz, Iria Pinheiro e Mónica Camaño no reparto, explora a historia real de Sagrario Ribela Fra e os delitos cometidos contra mulleres durante a ditadura e a resiliencia dunha traballadora mariñeira.
En preto de hora e media, o público coñecerá a historia e as mil caras da protagonista, unha mariscadora da ría de Ferrol que é xulgada por adulterio en 1972. Tras a súa inesperada absolución, Sagrario convértese na primeira muller en lograr o divorcio na cidade e deberá desafiar o rol de subalterna. Aínda que os temas da violencia, o maltrato, a falta de dereitos e un ambiente tóxico están presentes, tamén o están o amor, o desexo, a desobediencia e a clase social.
A longametraxe foi seleccionada na súa fase de desenvolvemento na sección First Look do Festival de Locarno e chegará aos cines o próximo 22 de novembro, uns días antes da celebración do 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.