O Simposio Luísa Villalta celebra tres xornadas de achegamento á autora

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A escritora galega Luísa Villalta, Letras Galegas 2024.
A escritora galega Luísa Villalta, Letras Galegas 2024. Arquivo familia | RAG

A Real Academia Galega organiza os relatorios e mesas redondas, que terán lugar na Fundación Barrié esta semana

18 nov 2024 . Actualizado a las 11:54 h.

O Simposio Luísa Villalta, organizado pola Real Academia Galega, continúa coas homenaxes á escritora das Letras Galegas 2024. Esta semana celebraranse na Fundación Barrié da Coruña tres xornadas, entre o martes 19 e o xoves 21, cunha serie de relatorios e mesas redondas en torno á protagonista do pasado 17 de maio.

Á cita acudirán especialistas das tres universidades galegas, así como amizades, lectores e compañeiros para abrir «camiños de achegamento e pescuda dunha obra que se mantén á expectativa tras a incipiente aproximación deste ano». O programa complétase coa actuación musical de Uxía e o espectáculo Indóciles. O acceso ás sesións é libre e poderá seguirse tamén na web academia.gal.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, inaugurará o martes ás 17.00 horas as xornadas coordinadas pola académica Margarita Ledo e Ana Romaní. No acto inaugural estarán tamén Susana Villalta, irmá da homenaxeadas, a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García.

As coordinadoras resaltan a vontade destas sesións de «ser unha apertura, o inicio doutro tempo respecto da obra e a figura de Luísa Villalta. Concibido como espazo de procura máis que de clausura, como inicio máis que como peche, o que busca é convidar ás lecturas e ao estudo da obra e da figura da escritora». 

A elección de Villalta como homenaxeada nas Letras Galegas 2024 permitiu recuperar gran parte da súa obra, antes descatalogada ou de difícil acceso, dando a coñecer ademais algúns dos seus títulos máis significativos e tamén os menos coñecidos. Esta, aseguran Ledo e Romaní, «é unha oportunidade para volver ler a Luísa Villalta, e con esa expectativa reuniranse na Coruña visións e voces que, dende distintos lugares e con diversidade de enfoques, procurarán esa apertura cara á amplitude da súa figura literaria».

Programa do Simposio Luísa Villalta

Os propios versos e textos da autora dan nome ás sesións do simposio. 

O encontro arrincará o martes 19 de novembro co título Abrir a boca en ti e o fará con dous relatorios da poeta Eva Veiga, coeditora da antoloxía poética Luísa Villalta. Así vou eu, formando parte; e o músico Paulino Pereira, quen afondará no recurso da música na autora.

A primeira xornada continuará cunha mesa redonda coa crítica literaria e profesora da USC María Xesús Nogueira, o académico correspondente e profesor honorario da UDC Luciano Rodríguez, a escritora e profesora da UVigo Rexina R. Vega e mais a tamén escritora Marga do Val como moderadora, segundo informa a RAG. A tarde rematará cunha intervención da fotógrafa Maribel Longueira arredor de Papagaio, o volume no que as súas instantáneas sobre o derrubamento do antigo barrio da prostitución coruñés dialogan cos versos da homenaxeada.

O mércores 20 de novembro, en O xesto de buscarnos, terá á académica Fina Casalderrey presentando a quenda de relatorios coa filóloga e ensaísta Inmaculada Otero Varela, que afondará na narrativa de Luísa Villalta e o escritor e crítico literario Henrique Rabuñal, que o fará na súa obra dramática.

Deseguido a académica Chus Pato, Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés, tres poetas de diferentes xeracións, comporán unha mesa, moderada pola académica correspondente Mercedes Queixas, na que reflexionarán sobre o feito de ler a Villalta. A segundo día concluirá coa actuación musical de Uxía.

O poeta Xosé M.ª Álvarez Cáccamo e a profesora honoraria da UDC Pilar García Negro ofrecerán o xoves 21 en Abrir a boca á escuridade senllos relatorios sobre a lírica e o ensaio de Villalta, presentados pola académica correspondente Olivia Rodríguez.

A tarde avanzará cunha mesa redonda sobre a cidade da Coruña na obra da escritora protagonizada por Teresa Seara, Xurxo Souto e Miguel Anxo Fernán Vello, e con Cesáreo Sánchez Iglesias como moderador. Poralle o ramo ao simposio Indóciles, a proposta multidisciplinaria de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut arredor da vida e da literatura da protagonista destas Letras Galegas.

O Simposio Luísa Villalta é unha iniciativa da Real Academia Galega co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Fundación Barrié.