En 2007, ao fío da presentación mundial de Kindle, dispositivo de Amazon para lectura dixital, este xornal (20.11.07) destacaba en titular: «Amazon aspira a revolucionar o mundo do libro co lector Kindle». O mesmo día, eu, na miña bitácora Fragmentos da Galaxia, hoxe momificada, publicaba un post de, creo, suxestivo título: «Jódete, Gutenberg!». Daquela, reflexionaba: «Vivimos unha escalada na competitividade tecnolóxica que semella un concurso internacional para ver quen se apunta finalmente o mérito de cargarse o libro en papel. Imaxinan a Jeff Bezos, orgulloso de tal mérito, pegando saltos e exclamando, alborozado, conseguino, por fin, jódete Gutenberg!! E digo eu: que lles faría o pobre libro? Cotas de mercado, cifras de negocio, contas de resultados? Serán estas as razóns e non unha xenreira inexplicable a tan nobre obxecto?». Ao cabo, e contra a premonitoria epígrafe de La Voz, Kindle non revolucionou nada e, tras anos de sufrir a crónica dunha morte permanentemente anunciada (e permanentemente posposta) e sobrevivir a un vendaval de empresas punto com dispostas a soterrar para sempre o papel en beneficio da súa maxestade o Ebook, o sector editorial tradicional (é dicir, o libro de toda a vida, deixémonos de milongas) goza dunha excelente saúde. En puridade, cando maese Gutenberg tivo a feliz idea de fundir tipos móbiles de chumbo para imprentar, como non, a Biblia, estaba dando forma a un invento que naceu perfecto. Colla vostede o primeiro libro que teña a man: comprobará que o principio mecánico inspirador dese libro (follas secuencialmente organizadas en páxinas numeradas e pegadas a un lombo duro pola esquerda) é virtualmente idéntico á Biblia latina de don Johann maguntino, o primeiro libro impreso da humanidade. Nihil novum sub sole. Máis de cincocentos anos despois, nunca se editou tanto e tan ben. E, se o sector editorial resiste, os usuarios do sector, é dicir, os lectores, resisten aínda máis, non todo van ser malas novas. Resulta alentadora, e sorprendente, a Radiografía do lector do século XXI que publicou hai días o suplemento Babelia. Un par de pinceladas: o 5 % dos españois len máis de 20 volumes ao ano ou que ao 72 % un libro lles cambiou a vida. Será a Biblia? Ben por Gutenberg!