
Javier Veiga, David Amor e Rober Bodegas regresan aos teatros galegos
17 dic 2024 . Actualizado a las 10:22 h.Polo Nadal, os cómicos galegos regresan a casa, e aos escenarios. Javier Veiga, David Amor e Rober Bodegas presentan neste mes de decembro a cuarta edición de Esfínter. O mellor espectáculo para pechar o ano. Comezan este venres, día 20, no Auditorio Municipal de Ourense e seguirán polo Liceo de Noia o día 21 e polo Auditorio Abanca de Santiago o 22. Pasado o 25 de decembro, chegan o día 26 a Palexco na Coruña. O 28 estarán en Vigo no Teatro Afundación e, por último, rematan o 29 en Pontevedra actuando no Auditorio de Afundación. As entradas poden adquirirse en ataquilla.com.
Como se da mellor cea de Noiteboa se tratase, os tres cómicos xuntan en Esfínter os seus diferentes estilos de humor que, en palabras de Amor, «crean unha maridaxe moi boa». «O humor individual de cada un, por algún motivo, mestura ben co resto. Un pon o turrón, outro o capón e outro os grelos» asegura Veiga, ao que Amor engade que no teatro «a xente non se chega a empachar». Así, o show consiste en tres monólogos de 25 minutos cada un e unha actuación conxunta pensada para que «a xente marche contenta». Detalla ademais que «nos espectáculos de comedia que son corais pode ser pretensioso tratar de explicar algo. O que queremos é que a xente o pase ben».

Para preparar este especial, que xa é unha tradición de Nadal, cada un deles traballa na súa actuación por separado e só ensaian previamente a que realizan de maneira conxunta. Desta forma, apunta Veiga, eles mesmos son público dos seus monólogos. «Os primeiros días estamos no lateral dos escenarios e partimos de risa escoitándonos. Ás veces incluso estamos escondidos no patio de butacas para ver aos outros», confesa.
O primeiro Esfínter celebrouse no 2021, aínda que os tres cómicos levaban xa un par de anos traballando en actuacións conxuntas na época das festas como escusa para xuntarse. A amizade que os une e o desexo de ofrecer unha alternativa de ocio no Nadal para os adultos foi o que formalizou o show, que cos anos mantén a súa esencia pero sempre busca innovar.
«Cada un fala do que lle peta no seu monólogo, con algunha referencia ao que pasara no ano ou ao Nadal», explica o humorista do Grove.
Procrastinar
Tanto el como Javier Veiga coinciden en que esta época é un momento para pasar en familia e cos amigos. De cara ao próximo ano, Amor admite que aínda non ten os seus propósitos preparados. «Eu son moito de procrastinar, entón pensareinos xa o día 30 ou o 31», comenta. Os do ano pasado foron cumpridos, entre outros, coa súa obra Go Home que realiza xunto a Josito Porto e que retomará para o vindeiro ano.
Pola súa parte, o 2025 será para Javier Veiga o ano da estrea da súa seguinte película, que xa está ultimando na fase de produción de son. Playa de Lobos, que el mesmo dirixe con Dani Rovira e Guillermo Francella como protagonistas e a súa muller Marta Hazas no reparto, aínda non ten data de estrea. Paralelamente ao traballo, entre os seus propósitos están «coidarme máis, que non o farei; estudar cousas que non estudarei e ser un pouco mellor persoa, que iso si que o vou cumprir».