Viaxe a Castela

CULTURA

28 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Visitei Castela por primeira vez a comezos dos anos oitenta. Apenas coñecía nada fóra de Galicia, e máis especificamente alén das miñas zonas vitais, que eran a cidade da Coruña e a súa contorna e o traxecto da viaxe para ir á aldea en Niñodaguia, en Xunqueira de Espadanedo (Ourense). O meu universo era de cor verde con diversas tonalidades, e un clima variado tirando, sen dúbidas, ao moi húmido. Así que non esquecerei nunca aquela viaxe, pola cantidade de matices paisaxísticos tan sorprendentes que atopei polo camiño para un daquela pouco viaxado coma min. No que se refire a Galicia, non me sorprendín; estaba afeito a cruzar dende A Coruña a Ourense e, aínda que hai diferenzas importantes, as similitudes son maiores. Despois de baixar os montes do Cebreiro, nesa zona de confluencia chamada Bierzo, era cando se comezaba a notar o cambio.

Nesta comarca de transición, todo me era familiar, pero xa había cousas que non recoñecía con tanta claridade. Foi na baixada do Manzanal, na súa vertente oriental, cando percibín o cambio máis significativo. Aí era cando aparecía esa gran chaira con pouca vexetación que indicaba a entrada a un novo espazo paisaxístico para min descoñecido. Era como cambiar de escenario, e iso resultoume naquel momento impresionante. Tiña pouco máis de 20 anos e creo que entra dentro da normalidade que un se sorprenda por estas cousas. De todas as maneiras, o máis curioso foi ver aquela grande extensión chá completamente verde.

Era primavera e aqueles inmensos campos de trigo e outros cereais estaban en plena xerminación, o que os facía espectaculares. Iso chocoume moito. A imaxe que tiña era a dun lugar ermo e árido. Chamábanme tamén moito a atención os horizontes que aquí, alén de na costa mirando ao mar, son difíciles de ver; alí estaban ben trazados case que nos 365 graos de visión. Tamén os ceos tiñan unha luminosidade tan diferente.

Ese ano regresei en agosto polo mesmo lugar da viaxe e o que vin de novo era moi distinto ao que vira na primavera. A calor era abafante e o aire tiña tan pouca humidade que se me secaban as fosas nasais. As colleitas xa se fixeran, e a cor predominante era un amarelo dourado. Con todo o seu encanto, eu son máis do noroeste.