O Día da Ilustración, que se festexa o 30 de xaneiro, pon o foco na prolífica traxectoria do artista lugués, do que este xoves se inaugurou unha mostra na Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura
31 ene 2025 . Actualizado a las 19:39 h.
«Le pasaba como a mí, que, en vez de estudiar, dibujaba. Le gustaba mucho, ya era bueno desde joven». Deste xeito lembra ao artista Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950) o seu mestre de debuxo no instituto mindoniense, Juan Bautista Puchades. Precisamente, el foi unha das ducias de persoas que arrouparon este xoves na Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura ao homenaxeado no Día da Ilustración 2025 durante a inauguración da mostra Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo. É a primeira vez que se lle rende tributo a un autor vivo. «Síntome moi agradecido e moi feliz», afirmou Vizoso, animando a que en vindeiras edicións, sen esquecerse tampouco dos ilustradores históricos, «se siga recoñecendo a tantos e tantas que aínda están vivos e activos e xa son mestres e guías a imitar». Nese sentido, indicou que «non hai mellor semente para a ilustración galega que seguir os pasos dos que nos precederon, aínda que a colleita de premios e recoñecementos dos máis novos apunta alto».
A mostra repasa, a través de preto de noventa pezas distribuídas en seis vitrinas, a produción e a traxectoria de Vizoso, autor de obras icónicas como debuxante, cartelista, muralista, escultor e deseñador, destacando o seu traballo con Isaac Díaz Pardo durante 40 anos en Sargadelos. A benvida é cunha reprodución en gran tamaño do cartel de As San Lucas de Mondoñedo do 2013, no que aparece reflectido un cabalo, figura emblemática no seu universo creativo. Precisamente, Xosé Vizoso fixo unhas viñetas para a exposición revisitando eses inicios nos que se autorretrata na porta da casa vendo pasar os cabalos para a feira. Un animal que despois logra plasmar coa axuda da mestra dona Amalia, xa que non daba rematado a parte traseira. «Desde pequeno sentín a necesidade de pintar o mundo», afirmou o artista, apuntando que sempre traballou a gusto en todos os proxectos nos que participou.
Nos primeiros pasos deste artista que di que naceu cun lapis na man recóllese tamén o anuncio de Sargadelos buscando un debuxante e a carta enviada por Vizoso para o proceso de selección. O segundo dos espazos céntrase nos estilos e influencias. Aí figuran postais que enviaba polo Nadal. As múltiples facetas do artista toman relevo na terceira sección. Entre os documentos inclúese unha carta que Isaac Díaz Pardo escribe en 1988 a Siro López para unha información en La Voz de Galicia: «Este mindoniense ten moitas máis virtudes cás puramente artísticas. A súa admirable disciplina para concibir, proxectar e realizar formas non crearon nel ningún tipo de narcisismo, tan frecuente nestes casos. [...] É un hábil buscador de información para lle dar siñificado e situar no tempo a obra que realiza».
O repaso expositivo non se esquece do deseño editorial, así como da súa obra como muralista e no ámbito da escena, con máscaras, por exemplo, para unha obra de Castelao. No eido do cartelismo, nas vitrinas aparecen algúns bosquexos. «Aínda segue facendo o debuxo das letras sempre á man», resaltou Alberte Guitián, comisario da mostra xunto a Noelia Bascuas e Ángela García.
O conselleiro de Cultura, José López, resaltou que a exposición permite ver a evolución de Vizoso, «que deixou unha pegada innegable» durante o seu paso por Sargadelos e no cartelismo galego. Pola súa banda, a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Laura Romero, referiuse ao homenaxeado como «unha man incansable» e «un referente absoluto». Engadiu que o Día da Ilustración cobra maior importancia para visualizar o traballo de «creadores humanos» debido «á ameaza do uso indiscriminado da intelixencia artificial». Por iso, reclamoulles aos gobernantes apoio e compromiso cos creadores.