
Hai pouco, falei aos alumnos do IES Castelao, de Vigo, Do talante (e do talento) demótico do escritor e artista Daniel Alfonso Rodríguez Castelao, charla na que me centrei nalgúns debuxos do álbum Nós, editado en 1931, pero realizado arredor de 1917. A estampa máis significativa é aquela na que unha nena moi humilde da aldea pregunta a outra da súa condición socioeconómica: «Qué comerá o rei?» Moitos lembran ben a resposta: «Comerá... comerá... zucre». Canta fame, cantas privacións, canta carencia de lambetadas hai na pregunta e na resposta, sobre todo neses puntos suspensivos, reveladores do esforzo intelectual que fai a nena interpelada no seu afán de atopar o complemento directo dun verbo tan ordinario, «comerá», que se repite. Este sentido demótico, esta empatía coas tribulacións das xentes populares máis desfavorecidas (nenas pobres da aldea), caracteriza centos de debuxos de Castelao na serie Cousas da vida, unha faceta na que o artista-escritor está moi lonxe das inquedanzas e realizacións literarias de Otero Pedrayo, Vicente Risco e outros conxéneres.
Nesa ocasión linlles un dos capítulos do primeiro libro de Cousas (1926), aquela prodixiosa estampa de media páxina na que o autor fai o retrato dunha rapaciña que é criada de servir na casa (ou pazo) dun marqués, que anda sempre descalza e que súa nai traballa de xornaleira na mesma casa. O final é, literariamente, inesquecible: «E aínda lle chaman a marquesiña!».
Lido o brevísimo relato, conteilles aos alumnos un episodio da vida docente dun profesor que propuxo aos alumnos de cuarto da ESO, nunha especie de concurso literario, como tema de redacción de fin de semana, un relato breve sobre a violencia de xénero e, asemade, a violencia de clase. Dos trinta textos presentados, foi premiado cum laude o titulado A marquesiña asinado co pseudónimo Castelao, pseudonimia esixida polas bases do concurso. O profesor, tamén xuíz, decatouse do plaxio, pero optou por premiar a aquel alumno pola súa condición de crítico literario. En efecto, o relato solicitado xa fora escrito, moitos anos antes, de xeito insuperable.