Sucedeume que nun curto espazo de tempo coñecín dúas persoas que vivindo en lugares diferentes e sen nada que ver entre si, compartían o apelido Mariño. O meu contacto con eles foi circunstancial e en distintos contextos. Nalgún intre das conversas saíu casualmente a cuestión do seu apelido e os dous coincidiron en dicir que eran descendentes de homes e mulleres chegados dende o mar. Nese punto da conversa veume á memoria o libro do mestre D. Leandro Carré Alvarellos As lendas tradicionais galegas. Unha obra que coñecín nos 80 a través dunha famosa editorial pero que ten a súa orixe moi anteriormente. Dende o meu coñecemento, considero ese traballo como una especie de pilar básico do noso acervo cultural. Son historias faladas dun pobo que foron transmitíndose oralmente de xeración en xeración ata chegar a nós. Un patrimonio que grazas a grandes figuras da nosa cultura sobreviviron e afortunadamente teñen continuidade con excelentes traballos feitos dende a contemporaneidade. E por isto volvín a reler unha das lendas recollidas nese traballo que é a dos Mariños. Unha historia que vén relatar o mito fundacional dese apelido tan galego e abondoso principalmente nas provincias atlánticas. Son moitas as lendas relacionadas con sereas e homes mariños recollidas en diferentes puntos da xeografía costeira galega, incluso algunhas emparentadas directamente coas existentes noutros pobos atlánticos.
Quizais a máis popular sexa a que transcribiu Carré Alvarellos que en diferentes variantes vén dende tempos inmemoriais. Nese mesmo camiño está tamén a versión escrita polo Licenciado Molina na súa obra Descripción del Reino de Galicia y de las cosas notables (Mondoñedo 1550). Tamén a lenda do cabaleiro Roldán, da Materia de Bretaña e a diferente e máis inquietante de Antonio de Torquemada (non confundir co inquisidor) na súa obra El jardín de flores curiosas. En todas estas lendas hai unha mestura entre seres humanos e mariños nas que se describe aos Mariños como unhas criaturas descendentes destes cunhas características específicas que eu non fun quen a distinguir nas dúas persoas que coñecín. Iso si, chamoume a atención o claro que tiñan a súa ascendencia.