Opasado día 28 de febreiro fixo 43 anos que morreu na cidade de Vigo o gran escritor e xornalista Álvaro Cunqueiro, autor de novelas inesquecibles, recheas de imaxinación e de talento. O autor descansa en paz no cemiterio de Mondoñedo baixo dous lemas, un escrito por el mesmo —«Loubado seña Deus, que me permitiu facerme home neste grande reino que chamamos Galicia» —e outro moi mindoniense— «Eiquí xaze alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis». Cunqueiro foi un escritor que foi sempre moi consciente do seu gran valor creativo-narrativo e tamén xornalístico.
Escribo estas liñas porque comezo a albergar a sospeita de que non se está atendendo debidamente a obra do noso gran creador literario, como tampouco se está a atender a dos grandes escritores do bum latinoamericano (Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa e toda unha longa restra de narradores). En concreto, Cunqueiro e García Márquez coincidiron en Barcelona e compartiron xantares, sen que se poida falar dunha admiración mutua, porque o escritor de Mondoñedo era máis seguidor do cubano Lezama Lima ca doutros mestres do bum literario.
Obras como Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), Os outros feirantes (1960) ou Se o vello Simbad volvese ás illas (1961), entre outras, son creacións incontestables sobre as que se cadra xa está actuar o implacable paso do tempo. Como está a actuar sobre un Gabriel
García Márquez hoxe en día goza de máis sona no país de Xapón que noutras partes do mundo, quizais porque alí acaban de descubrilo e admiralo desde hai pouco. Mais o tempo tamén pasa para el, como está a pasar para Cunqueiro, mestre do relato curto, como demostrou en contos tan fermosos coma o brevísimo Melle de Loboso, que conxuga realidade e fantasía. O que fai pensar que o escritor de Mondoñedo seguirá a resistir o paso do tempo cun recoñecemento que ten ben merecido.