A MICE mira as orixes e pon o foco no humor no cinema etnográfico na súa 20.ª edición

M. G. I. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A mostra foi presentada este xoves no Museo do Pobo Galego
A mostra foi presentada este xoves no Museo do Pobo Galego .

A Mostra de Cinema Etnográfico proxectará 46 filmes de 23 nacionalidades entre o 12 e o 16 de marzo en Santiago

07 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego afrontará do 12 ao 16 de marzo a súa 20.ª edición despois de recibir en torno a 20.000 persoas e de proxectar o traballo de preto de 800 cineastas ao longo de dúas décadas marcadas tamén polo compromiso coa creación feminina. «Aproximadamente o 50 % dos traballos estaban dirixidos por unha muller», afirmou Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo.

A MICE , que nesta edición ofrecerá 46 filmes de 23 nacionalidades, bota unha mirada cara a súas orixes convertendo nun dos focos o documental O carro e o home, que tiña como guionista a Xaquín Lorenzo, Xocas. A directora da cita, Ana Estévez, lembrou que o festival estivo moi ligado á súa figura, xa que o seu legado quedou en mans do Museo do Pobo Galego. A copia dixitalizada do filme protagonizará a sesión inaugural, que contará coa participación do creador e historiador Pepe Coira para profundar na importancia que esta obra ten para o cinema etnográfico galego. O carro e o home serve, ademais, de base para a imaxe gráfica desta edición, que foi creada por Mirian Opazo.

Outro dos eixes desta edición será o sentido do humor. «A etnografía e o humor non parece que estean moi vencellados, pero se pensamos na cantidade de temáticas e momentos da vida cotiá que forman parte dos estudos etnográficos vemos que se dan situacións cómicas», resaltou Estévez. Esta ollada estará moi presente na sección Impropias, dedicada ao cinema realizado por mulleres, que terá como convidada á realizadora letoa Laila Pakalmina, que «é un referente e ten unha vis cómica moi importante». Tamén será o fío condutor de Trazas, a sección en colaboración co Cineclube de Compostela.

Máis alá dos focos, a MICE contará con trece filmes na sección competitiva doutras tantas nacionalidades, sete deles dirixidos por mulleres. Catro das pezas estraranse en España. Na sección oficial que aspira aos diversos premios tamén haberá catro producións galegas, que son obra de Diana Gonçalves, Area Erina, Xoán Bregua, e Paula e Guillermo Cabrera. Non será a única presenza país, xa que a MICE acollerá a preestrea da primeira longametraxe do cineasta ourensán Emilio Fonseca, Salvaxe, Salvaxe. Olladas alén do humano. Non faltarán tampouco na programación as propostas dirixidas á rapazada.

Durante a presentación, o director da Agadic, Jacobo Sutil, cualificou a MICE como unha cita «estratéxica» no ámbito dos festivais porque é un dos poucos centrados na etnografía. Nesa idea profundou a concelleira de Cultura compostelá, Míriam Louzao, apuntando que se trata dun cinema que poucas veces se ve nas salas comerciais. Pola súa banda, a deputada provincial de Cultura, Navidade González, incidiu en que se trata duns filmes «que nos fan pensar».