Xavier Seoane, poeta: «Este libro provócame melancolía, lémbrame aos que xa non están»

CULTURA

El escritor presentou o seu novo poemario, «A árbore desvelada» feito de homenaxes e vivencias coa arte e a literatura como pano de fondo
13 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.
A de Xavier Seoane é unha vida dedicada á cultura galega. Desde os seus inicios defendeu con vehemencia e elaboradas razóns as creacións dunha terra que alumeou nomes notables en case todas as disciplinas artísticas. Plumas e pinceis e voces e ciceis. Tras estes corenta anos de reflexións e conversas cos seus coetáneos, publica o ecléctico volume A árbore desvelada (colección Tambo, Kalandraka Editora), que presentou este mércores nun encontro celebrado na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña.
«É un libro que se fraguou ao longo de moito tempo. De homenaxes e vivencias. Nel está retratada moita xente que eu coñecín en todos os ámbitos da arte», explica o autor. Pero non só de profundas interlocucións está composta esta obra. Dialogan nas súas páxinas diferentes estilos e formas de abordar a realidade. Mesmo diferentes xéneros. «Hai un apartado dedicado ás viaxes que fixen en coche por toda Europa; outro sobre figuras relevantes non galegas; e, por último, unha recompilación de poesías de diversa temática que tocan desde a traxedia de Gaza ata a loita feminista ou o episodio do Prestige», resume Xavier Seoane (A Coruña, 1954).
O que foi
As personalidades que desfilan por este traballo son, en boa medida, os sospeitosos habituais da arte galaica. Por todas elas expresa Seoane nos seus versos infinita gratitude e agarimo. Por exemplo, Maruxa Seoane, viúva do pintor Luis Seoane, xunto á que tantas batallas culturais librou noutro tempo.
«Só ler o índice do libro provócame un sentimento de melancolía, porque me fai darme conta de todos os que saen que xa non están entre nós». Amoréanselle os recordos compartidos. As loitas comúns. Incluso os sempre civilizados desacordos. O respecto era a base de todas estas relacións sinérxicas. «Sempre tiven unha posición moi positiva e empática con todos os creadores. Cada un é fillo de seu pai, pero esas diferenzas que había eran estimulantes e marabillosas. Todos tiñamos consideración para as respectivas visións dos outros. O extraordinario daquela realidade era a súa inmensa riqueza. Cada un co seu mundo persoal e específico», evoca.
Non era todo isto un contubernio profesional. Eran as interaccións de xente que se apreciaba fondisimamente. Que chegaron a profesarse moi sincero cariño persoal. «Son persoas coas que tiven fortes vínculos. Ás que visitei nas súas casas e que eran amigos meus. Este libro tráeme recordos dos que deixan pouso, porque en realidade é a miña propia vida», confesa.
O que queda
Xavier Seoane móstrase incombustible na súa activa experiencia. Ademais da súa continua procura de proxectos novos, albisca no horizonte a publicación de varios títulos ata o de agora descoñecidos polo público. «Teño unha obra bastante extensa, e hai bastantes cousas aínda inéditas que teño pendente ir sacando. Este ano sairán, polo menos, tres títulos meus máis de diversos xéneros», detalla.
Ás veces é necesario dar un, ou dous, ou cinco pasos atrás para poder ver a realidade en complexa perspectiva. Cos seus matices, as súas contradicións, as súas grandezas e as súas miserias. Parte do segredo da alta produtividade artística de Seoane descansa nesta capacidade de apartarse a un espazo de reflexión afastado do ruído. «Vivo a miña vida de forma discreta —incide o poeta—, nunha especie de soidade creadora. Iso outórgame moito tempo para dedicarme a facer cousas. Eu fago o que me pide o corpo». Desde este lugar de calma observa. Observa tamén a evolución das artes e das letras galegas. A irrupción de novas tendencias, motivos e procuras.
Lonxe de reaccionar contra estas evolucións, Xavier Seoane abraza, aínda que criticamente, os tempos novos. «A cultura galega goza de boa saúde. Está á altura do momento histórico. O problema principal é a situación da lingua, algo que si pode convidar ao pesimismo. O galego tería que ter máis apoio das institucións», conclúe vindicativo.