Fillas de Cassandra publicarán o seu novo traballo en fascículos semanais
CULTURA

O primeiro tema darase a coñecer o 20 de marzo
12 mar 2025 . Actualizado a las 19:23 h.Chámase Hibernarse e consiste nun «proxecto híbrido, multiformato e singular» no que o dúo reflexiona sobre o concepto de tempo a través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. Así será o novo traballo do dúo vigués Fillas de Cassandra, un EP que se publicará en fascículos semanais a partir do próximo 20 de marzo.
Ese día sairá o primeiro tema dunha serie de propostas artísticas que Fillas de Cassandra dará a coñecer, cada sete días, até o 10 de abril. Nese momento, o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte Music Spain.
O traballo ten vocación de peche de etapa duns anos de crecemento constante e desenvolvemento dunha das traxectorias máis interesantes da música galega actual. Nel María SOA e Sara Faro, as integrantes do grupo, reflexionan sobre a construción social do tempo e fan un chamamento á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais, tal e como anuncian na súa nota de prensa.
Fillas de Cassandra veñen de presentar por toda Galicia e o resto de España o espectáculo Últimas Dionisíacas con notable éxito.