
Para estas produccións foron o galardón Agantro á excelencia antropolóxica e o recoñecemento para o mellor filme galego na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico
16 mar 2025 . Actualizado a las 18:31 h.Eros, o documental de de Rachel Daisy Ellis sobre os moteis do amor en Brasil, fíxose co Premio Agantro á excelencia antropolóxica na vixésima edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo. Un galardón que, a través dun vídeo de agradecemento, a cineasta quixo dedicar ás persoas que compartiron con ela e co público a súa intimidade na película. Ese exercicio etnográfico entendido como un proceso participativo foi precisamente unha das cuestións que valorou o xurado, que destacou da peza a súa maneira de «naturalizar algo tan socialmente construído como o sexo. Na cama, as e os participantes do filme falan de pracer, pero tamén de amor, relixión, política ou diversidade sexo-afectiva, algo que so é posible no espazo de seguridade que ofrecen estes moteis».
O Premio MICE ao Mellor filme galego foi para Corre o vento, unha peza de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera que leva ata Vilar do Courel, unha pequena aldea que leva décadas resistíndose á desaparición. O xurado valorou o filme como un «exercicio cinematográfico de carácter poético, que indaga no lendario dun territorio, ao tempo que manifesta o baleiramento do rural». A peza fíxose tamén co Premio CREA, que entregou en nome do colectivo a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada. Recolleu os dous galardóns a actriz da curtametraxe Nuria Lestegás, quen agradeceu, en representación de todo o equipo do filme, a oportunidade de darlle voz ás persoas que habitan o Courel, porque «o silencio é a condena á escuridade». No nome da directora e do director, apuntou ademais que o obxectivo da curta é precisamente «facer memoria e deixar testemuña pasada e presente do lugar onde vivimos, porque é crucial seguir tecendo unha rede de memoria que nos protexa do futuro».
Houbo tamén unha Mención Especial do xurado a Silence of Reason, de Kumjana Novakova, que narra a través de arquivos e testemuños a tortura e violacións sufridas polas mulleres durante a guerra en Bosnia e Herzegovina. Un «ensaio fílmico de gran relevancia, nun sentido universal e antropolóxico», en palabras dun xurado que nesta edición estivo formado pola doutora en Antropoloxía Social Bibiana Martínez Álvarez, o docente, crítico e programador de cinema Severiano Casalderrey e unha das fundadoras e codirectora do Porto Femme ? Festival Internacional de Cinema Rita Capucho.
O Premio do Público foi para a película Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crescidas, de Tânia Dinis. Este filme que mestura arquivos fotográficos, imaxes reais e testemuños de mulleres das rexións de Trás-móntesvos-, Beira, Alto e Baixo Minho que, entre os anos 1940 e 1980, chegaron á cidade do Porto para traballar como empregadas domésticas. A través dun vídeo, a cineasta fixo unha lembranza e recoñecemento a «todas as traballadoras do servizo doméstico que continúan a loitar por salarios dignos».
O acto de entrega de premios celebrouse no Museo do Pobo Galego conducido pola escritora María Lado. No acto tomou a palabra tamén a directora da MICE, Ana Estévez, para agradecer a participación e o traballo de todo o equipo e das e dos cineastas nesta vixésima MICE que, segundo apuntou, contou coa participación de máis xente nova que anteriores edicións, amais de volver favorecer «importantes espazos de debate».
Continúa a programación coa MICE estendida
Ademais, a programación da MICE tamén continúa máis alá das datas específicas do festival, coa realización da Xornada de Cine e Educación. A experiencia de Galicia e Portugal, organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega, en colaboración co Museo do Pobo Galego e a Asociación Cultural Olloboi. Unha cita que terá lugar no Consello da Cultura Galega o 4 de abril, en horario de mañá e tarde.
Tamén proximamente proxectaranse no Museo as pezas resultantes da terceira edición do proxecto didáctico MICEscola. Baixo a titorización do DEAC e das cineastas Coral Piñeiro e Bruno Arias, alumnado do IES de Oroso (Oroso), o IES de Cacheiras (Teo) e o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame) andan a realizar as súas propias pezas curtas audiovisuais de contido etnográfico.
A 20 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está organizada polo Museo do Pobo Galego e conta co apoio do Concello de Santiago, a área de Cultura da Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.