O Museo do Pobo Galego rende homenaxe ás transmisoras da poesía oral

M. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Espectáculo «586 cantos» producido polo Museo do Pobo e que xa se puido ver en Malpica.
Espectáculo «586 cantos» producido polo Museo do Pobo e que xa se puido ver en Malpica. Basilio Bello

Abrirá este venres no claustro alto de Bonaval unha exposición sobre as cantareiras, nun programa que, co gallo do Día das Letras, inclúe conversas, concertos e obradoiros

09 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo do Pobo Galego rende tributo ás creadoras e transmisoras da poesía popular oral coa exposición Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión, que abrirá as portas no claustro alto de Bonaval desde este venres ata o 28 de setembro. Deste xeito, alzará o pano da súa programación con motivo do Día das Letras Galegas, que tamén incluirá conversas, concertos, itinerarios sonoros, obradoiros e actividades para todos os públicos.

A mostra, de produción propia da entidade, recompila materiais sonoros procedentes dos fondos do proxecto de recuperación, catalogación e dixitalización do APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) do propio museo e o arquivo gráfico e documental, así como pezas pertencentes á colección da entidade ou cedidas por particulares para a ocasión, ademais de material audiovisual realizado expresamente para este proxecto. Trátase, segundo destacou a presidenta do museo, Concha Losada, dunha iniciativa que non só supón «visibilizar o papel das cantareiras homenaxeadas, senón tamén de todas aquelas outras persoas, mulleres na súa meirande parte, das que os seus nomes non transcenderon malia seren garantes da supervivencia dese legado durante todos estes anos».

Nese aspecto profundou a técnica do APOI Isabel Vigo, apuntando que, para a mostra, comezaron coa investigación dos cancioneiros que forman parte dos fondos bibliográficos da institución procedendo ao «baleirado de todos os nomes de informantes e compiladoras nomeadas neses arquivos». Unha ollada con perspectiva de xénero para deixar constancia do papel das mulleres na creación, preservación e difusión dese saber inmaterial.

Ademais desta mostra que ten como fío condutor a cadea de transmisión da poesía oral, haberá outras actividades. A primeira cita será o próximo 26 de abril, coa terceira edición de A voltas co baile, que contará coa participación, entre outras, de mestras cantareiras procedentes de Toutón, Ons e Trasmonte. O día 8 de maio será a quenda da cativada cun obradoiro a cargo de Luís Prego. Non faltará a música, con Bouba, as pandeireteiras Hadri e Jenni Felpete, e Raigañas de Cerqueda. O peche será o 27 de setembro co espectáculo 586 cantos. Ademais, haberá conversas ao redor dos arquivos e as recollidas coa participación de Antón Santamarina e Faia Díaz.