
Unha vez máis, volverei ao meu adorado Manrique: «Como, a nuestro parecer, cualquiera tiempo pasado fue mejor». A intensidade coa que os baby-boomers abominamos da escasa cultura humanística das xeracións novas actuais está, creo, en proporción directa á abismal fenda interxeracional provocada pola cultura dixital e, máis recente e gravemente, polas redes sociais. Explícome: mediando a década dos sesenta, eu comecei o meu sufrido periplo escolar cunha pizarra e un pizarrillo para seguir logo cos cadernos de escritura («Mi mamá me ama, yo amo a mi mamá») e as enciclopedias Álvarez, un atrezzo pedagóxico que, mutatis mutandis, debeu ser moi semellante ao que, no seu día, manexaron meus pais e, aínda, meus avós. No bacharelato, un exercicio ben adoito eran as redaccións. Conservo unha libreta coas redaccións escolares de meu pai (El trabajo del agricultor; La llegada de la primavera; Importancia de las matemáticas…) que resultan semellantes, de novo mutatis mutandis, coas que eu mesmo redactei á súa idade (Las vacaciones; El mes de las flores; Postulados de José Antonio…). Unha xeración tras outra herdaba dos seus antergos prácticas e usos culturais que se legaban aos descendentes sen grandes traumas. O teléfono, a radio, mesmo a tele marcaron fitos capitais, que dúbida cabe, mais non provocaron crebas xeracionais significativas.
Pero, co tour de siècle, un cataclismo axexaba a humanidade. Tras 1990, coa invención da World Wide Web, un proceso de aceleradísima innovación tecnolóxica provocou unha disrupción sociocultural sen precedentes na historia da humanidade, de exceptuar, talvez, a invención do libro impreso mediado o século XV. Eu, que fun testemuña desta revolución, non podía imaxinar rematando o século XX o que ía dar de si a internet, coa irresistible incorporación ás nosas vidas e rutinas diarias dos dispositivos móbiles, as redes sociais e, de momento nun último chanzo, a IA. Hai pouco, impartindo un curso de escritura académica a egresados predoutorais en humanidades e ciencias sociais, preguntei se alguén podería indicar o autor de Robinson Crusoe. O incómodo silencio que seguiu representa, ao meu xuízo, o corolario das liñas que preceden.