Castelao: anagnórise dun pobo

Ramón Nicolás

CULTURA

Detalle do retrato de Castelao realizado por Eduardo Blanco Amor no Centro Ourensán de Bos Aires arredor de 1948.
Detalle do retrato de Castelao realizado por Eduardo Blanco Amor no Centro Ourensán de Bos Aires arredor de 1948.

No intelectual rianxeiro recoñece Galicia un dos seus sinais de identidade, por iso é de celebrar a proposta de Pilar García Negro de levalo ás escolas

21 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Castelao: anagnórise dun pobo. A afortunada ecuación do titular é da profesora e sociolingüista luguesa María Pilar García Negro, recollida no seu ensaio Arredor de Castelao no século XXI: en Castelao recoñecémonos e a súa presenza, aínda hoxe, resulta un dos nosos sinais de identidade. Este libro publicárase orixinalmente no ano 2001 e agora, para a editorial Laiovento, aparece felizmente actualizado co obxectivo de conmemorar o 75.º aniversario do falecemento do intelectual rianxeiro.

Cun acertado limiar da poeta Pilar Pallarés teño para min que este é un volume preciso e necesario, especialmente este ano, pois afonda con solidez e rigor en elementos de capital relevancia para entender as diversas dimensións vitais e artísticas do autor de Os dous de sempre. O honroso obxectivo, porque así o é, acádase ao desvelar, a través de cinco capítulos, as claves da súa arte creativa —o seu traballo como debuxante e humorista gráfico, os trazos singulares da súa prosa, o seu ensaio e o seu teatro— e, en xeral, o significado da súa achega desde o punto de vista da «consagración da normalidade monolingüe», sen esquecer o propósito de revelar tanto a perspectiva coa que trata as mulleres na súa creación como o exercicio orientado a destacar a vixencia do seu pensamento político, subliñando naturalmente cal foi o seu compromiso coa nosa lingua e cal o seu rol no proceso, aínda en construción, da nosa normalización cultural.

Destacaría nestas liñas, con especial atención, unha valiosa addenda que, titulada A obra de Castelao, óptimo instrumento didáctico interdisciplinar, ofrece unha oportunidade para tirar proveito educativo a partir de textos do autor. Esta proposta posibilita, así pois, unha proxección socio-pedagóxica, transversal e formativa deste traballo que resulta de inequívoca utilidade para o labor que nos centros de ensino non debería faltar.

Rigor e divulgación

É este un espazo onde cómpre dar a batalla da promoción da figura de Castelao e facelo con azos renovados porque é un dos territorios desde o que cidadás e cidadáns de mañá obterán, talvez, a única información sobre Castelao.

Unha iniciativa levada a cabo desde o IES Castelao (Vigo) confirma —grazas a unha sondaxe realizada con criterios científicos con preguntas cara a cara— que a súa figura é popular e recoñecida sobre todo polo que dela se sabe e se aprendeu no ámbito escolar. Por iso entendo que esta é unha achega, feita co rigor e o espírito divulgativo ao que nos ten afeito a profesora María Pilar García Negro, que cómpre agradecer e difundir.