Fernando Castro Paredes: «A miña novela semella un ''thriller'' pero cunha exixencia formal»

CULTURA

«O lanzador de coitelos» é o título gañador do Premio Galaxia de Novela co que a editorial galega conmemora o seu 75 aniversario
24 abr 2025 . Actualizado a las 11:31 h.Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975) é o gañador do Premio Galaxia de Novela 75 Anos coa obra O lanzador de coitelos. Este é o premio literario mellor dotado de Galicia, cos seus 25.000 euros, e non se convocaba dende hai 50 anos, cando o gañou Carlos Casares. O xurado decidiu por maioría outorgar o premio «pola súa elevadísima calidade literaria».
—A novela foi feita para a convocatoria do premio?
—Non, xa había tempo que a tiña. Coincidiu que tiña un borrador máis ou menos definitivo e cadrou coa convocatoria do premio.
—Que quería contar?
—Isto dos procesos creativos é unha cousa bastante complexa. Eu, máis que contar algo, o que quería era probar algo dende o punto de vista técnico. É unha novela máis pensada dende o punto de vista formal ca dende o punto de vista do contido.
—Que pretendía?
—Quería buscar un tipo de narrador en primeira persoa que puidese contar unha historia dende moitos puntos de vista. A partir de aí, foi enchéndose de contido e acabou saíndo o que saíu
—Ese afán por experimentar ten que ver coa súa traxectoria como dramaturgo?
—Eu teño unha teima con non facer dúas veces a mesma obra; tento probar cousas novas cada vez que escribo un texto, sexa do xénero que sexa. Eu xa fixera unha novela máis de corte xuvenil e outra máis de aventuras, e nesta busquei outro tipo de cousas. É unha especie de novela de intriga, algo semellante a un thriller, pero, sobre todo, cunha exixencia formal, porque era o que máis me interesaba.
—O xurado falaba de que a novela toca cuestións como a memoria, a liberdade ou o control social extremo. É distópica?
—Non, está ambientada na historia tal como a entendemos. Si fala de feitos terribles, pero que desgraciadamente sucederon. No fondo de todo están os campos de concentración durante a Segunda Guerra Mundial e todo o que iso significa.
—Como entende a literatura?
—É unha maneira de atopar o significado das cousas e de afastarse da realidade tal como a entendemos para crear mundos distintos, que non teñen que ser necesariamente mellores, pero si que nos conviden á reflexión. Non son un teorizador, eu entendo a literatura como un oficio, e trato de aprendelo e mellorar.
—Nese proceso ten en conta o lector?
—Esta novela foi escrita con moita liberdade, sen prexuízos e sen pensar en nada. A boa reacción que tiveron os poucos lectores que xa a coñecen creo que pode vir por aí. Ese tipo de actitude, a de non pensar no lector, a min tamén me crea certas inseguridades, porque non sabes se estás facendo unha cousa marabillosa ou unha bobada. Creo que hai que arriscarse, e, se a obra está escrita con honestidade e sinceridade, acabará atopando os seus propios lectores.
—O xurado destacou na súa decisión que a novela reivindica tamén a relación entre a arte e o fracaso. Está de acordo?
—A novela ten un leitmotiv constante, que é a idea do fracaso; está chea de personaxes que fracasan, polo que, si, hai unha especie de reivindicación do fracaso como unha parte importante da vida. Dicía Samuel Beckett: «Fracasa, fracasa outra vez e fracasa mellor». Penso que no fracaso tamén está a aprendizaxe como artistas e como persoas.
—Quen é o lanzador de coitelos?
—É un dos personaxes principais, é un poeta húngaro que vive en París e que ten un pasado circense. É un personaxe, ademais, relacionado cos campos de concentración. Ten unha importancia grande no devir da novela.