
O catedrático e escritor de Lugo formará parte dunha institución que recoñece a científicos e artistas que destacan polo seu traballo en favor da historia, as linguas e as culturas de Europa
16 may 2025 . Actualizado a las 12:05 h.A Academia Europea de Ciencias e Artes elixiu como membro ao escritor lucense Claudio Rodríguez Fer na reunión do seu senado celebrada o 14 de maio de 2025. Desta forma, esta institución (que está integrada por científicos e artistas dedicados á investigación innovadora, á colaboración interdisciplinaria e transnacional e ao intercambio e difusión de coñecemento) elixe a personalidades destacadas polos seus logros nas ciencias, nas artes e na sociedade en xeral, tratando de tender pontes colaborativos e de contribuír á unidade de Europa con especial atención á súa historia, linguas, tradicións e cultura, sempre en defensa da paz e da tolerancia.
Claudio Rodríguez Fer é autor dun cento de obras como poeta, narrador, autor teatral e ensaísta. Recibiu diversos recoñecemento en áreas literarias (Premio da Crítica Española por Tigres de ternura e Día da Poesía Galega en Montevideo), investigadoras (Premio Losada Diéguez por Poesía galega e por A literatura galega durante a guerra civil), académicas (Premio Extraordinario de Doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela e Doutoramento Honoris Causa na Universidade da Alta Bretaña), culturais (Premio Cunqueiriano de Honra), cívicas (Premio Galiza Mártir de Memoria Histórica) e internacionais (Medalla Eminescu en Romanía e Premio Babel en Estados Unidos).
A obra do autor lucense
Reuniu a súa lírica en Amores e clamores e a súa narrativa en Contos e descontos, así como poesía visual en Cinepoemas e Corpoética. Está traducido a numerosos idiomas (castelán, portugués, inglés, francés, italiano, romanés, grego, ruso, bretón, catalán, esperanto) e o seu poema “A cabeleira” publicouse en máis de oitenta linguas dos cinco continentes da Terra.
Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética e a revista Moenia da Universidade de Santiago de Compostela, coordina os cadernos interculturais Unión Libre e foi profesor universitario en Nova York, París, Rennes e Lorient. Publicou libros e edicións sobre Emily Dickinson, Dostoievski, Tolstói, Cavafis, Antonio Machado, Borges, Cernuda, Gamoneda e moi numerosos escritores galegos.
Destacadas figuras na Academia Europea
A Academia Europea de Ciencias e Artes conta con 38 premios Nobel entre os seus membros de honra, entre os que estivo o Premio Nobel da Paz Bernard Lown, fundador da Asociación Internacional de Médicos para a Prevención da Guerra Nuclear e creador do desfibrilador para a resucitación cardíaca.
Son membros da Academia Europea o xornalista madrileño Juan Luis Cebrián, o escultor catalán Jaume Plensa, famoso polas súas grandes cabezas espalladas polo mundo; o arquitecto canadense Frank O. Gehry, creador do Museo Guggenheim de Bilbao e doutras obras mestras do desconstrutivismo, ou o filósofo alemán Peter Sloterdijk, ensaísta referencial sobre moi variados temas. Entre outros, o escritor checo Václav Havel, último presidente de Checoslovaquia e primeiro da República Checa, foi un dos seus senadores honorarios.
A cerimonia de ingreso de Claudio Rodríguez Fer na Academia Europea de Ciencias e Artes terá lugar en Salzburgo (Austria), onde está radicada a asociación, na sesión plenaria do 7 de marzo de 2026.