O percorrido do «cortexo cívico» de Pontedeume incorpora a memoria do arcebispo Raxoi, a soprano Rosario Salgado e o artista plástico Abelardo Miguel
CULTURA

As cantareiras honradas este ano polo Día das Letras estarán representadas polas cantoras de San Pantaleón das Viñas
15 may 2025 . Actualizado a las 22:01 h.«Quen tivera amores lonxe, / regueiriños que pasar, / faga unha ponte de pedra, / que de pau pode crebar». Con estes versos da poesía popular oral que festexa este sábado o Día das Letras Galegas chaman o Ateneo Fernán Martís e o colectivo Terra a participar neste 17 de maio, entre as 12.00 e as 14.00 horas, no cortexo cívico de Pontedeume que, como cada 17 de maio, pon en marcha unha ruta polos lugares dos creadores que atesoura a vila na súa historia, que rescata nesta edición personaxes como a soprano Rosario Salgado, o artista plástico Abelardo Miguel e o arcebispo Raxoi. Antonio Fraga, Suso Martínez, Mónica Alonso, Ana Belén Manteiga, Oriana Méndez, Cris Iglesias, Pilar Cagiao, Xesús Fraga e Fran Alonso encherán de contido este lúdico paseo. E non faltarán as cantareiras honradas este ano, representadas aquí polas nove cantoras de San Pantaleón das Viñas. Un apartado musical que abrirá a banda Charamela.