
Os artistas galegos homenaxean á provincia de Lugo a través dunha fermosa fábula musical
20 may 2025 . Actualizado a las 10:19 h.Lucía Pérez e G Face presentan Cabaliño de Lugo, unha bachata fresca e emotiva que homenaxea á provincia de Lugo a través dunha fermosa fábula musical. A canción, que chegou ás plataformas dixitais o pasado venres, mestura ritmo tropical con lirismo galego e promete converterse na banda sonora do verán.
A colaboración naceu dunha amizade verdadeira entre a artista lucense, representante de España en Eurovisión 2011, e o tudense G Face, quen vén de acadar o recoñecemento coa súa bachata Vaivén, gañadora da Canción do Verán 2024 na CRTVG. Lucía e G Face xa traballaron xuntos na creación de Tanto, o último lanzamento da artista, unha composición compartida na que ambos puxeron sensibilidade e talento. Actualmente seguen a desenvolver novas cancións conxuntamente.
Con, Cabaliño de Lugo, por primeira vez, Lucía Pérez e G Face unen tamén as súas voces nun mesmo tema. A canción conta unha historia máxica e bucólica ambientada en Galicia, cunha mensaxe de liberdade, natureza e identidade.
Unha unión artística chea de amizade, emoción e orgullo galego, que convida a bailar e soñar este verán.
Lucía Pérez, unha ampla traxectoria na música
Lucía Pérez é unha artista que desprende alegría e enerxía en todo o que fai. Co seu carácter accesible e cercano, a cantante galega demostra a súa capacidade para adaptarse a todo tipo de eventos e formatos, o que a converte nunha das artistas máis polifacéticas do panorama actual. A súa presenza na televisión tamén é destacada, sendo unha das caras máis visibles na Televisión de Galicia, onde participa habitualmente en programas de diferentes temáticas. Un dos maiores hitos da súa carreira foi en 2011, cando representou a España no Festival de Eurovisión coa canción Que me quiten lo bailao, o que supuxo un antes e un despois na súa traxectoria profesional.
Lucía Pérez non só é recoñecida en Galicia, senón tamén a nivel nacional e internacional, grazas aos numerosos concertos que realizou ao longo da súa carreira. A súa música alcanzou tamén outras latitudes, como demostra a súa colaboración co artista portugués Zé Amaro na canción Tudo se paga, que se converteu nun gran éxito entre o público portugués. A súa conexión con Portugal segue medrando, e xa está prevista unha xira de concertos que abrangará tanto Galicia como o país veciño, permitindo á artista galega seguir expandindo a súa influencia e mostrando o seu talento ao mundo.
G Face
G Face é un novo artista galego que, con só 24 anos, converteu a súa paixón nunha auténtica forma de vida. Desde os seus primeiros pasos en 2021, lanzou once cancións en apenas un ano, deixando claro que viña para quedar.
Decidido a perfeccionar o seu talento innato, G Face trasládase a Madrid, onde se forma intensamente en canto, guitarra, baile e expresión artística, rodeándose de grandes profesionais do mundo do espectáculo. O seu son bebe das influencias que marcaron a súa infancia: pop, rock, soul, R&B e as novas tendencias urbanas, creando un estilo único e cheo de matices.
En 2023 lanza Orixe, o seu primeiro álbum, un proxecto ambicioso que define o seu universo musical. Un ano despois, a súa primeira canción en galego, Vaivén, é nomeada Canción do Verán pola CRTVG, abríndolle as portas dunha exposición masiva na súa terra natal.
Impulsado por ese recoñecemento, crea G Face na casa, un docu-musical de nove capítulos onde explora as súas raíces a través de cinco novas cancións en galego, reforzando a súa conexión coa súa cultura e coa súa xente. O seu último traballo, Mi luna, mestura a emoción da música mexicana con recordos de infancia: aquelas melodías que soaban nun vello radiocasete xunto ao seu avó.