
O Grupo Luar na Lubre, impulsor da iniciativa, celebrarao cun disco-libro no ano 2026
27 may 2025 . Actualizado a las 21:03 h.A palabra lubre aparecerá no dicionario da Real Academia Galega (RAG). A iniciativa do grupo Luar na Lubre de oficializar o termo prosperou. A institución acaba de ratificar a decisión. Segundo a definición recollida pola RAG, lubre (que admite xénero masculino e feminino) significa «bosque sagrado onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos». A entrada incluirá como exemplo a seguinte frase: «Sentíronse grandes brados nos lubres silandeiros». Á espera dos trámites burocráticos e técnicos, poderase ver nos próximos días
«Agora xa podemos dirixir á xente directamente ao dicionario oficial cando pregunten que é lubre», di Bieito Romero, o líder da formación galega. E lembra: «Son máis de 2.000 concertos en máis de 50 países nos que explicamos o significado do termo, que si aparecía noutros dicionarios anteriormente». De feito, a orixe do nome do grupo encóntrase no dicionario de Xosé Luís Franco Grande publicado pola editorial Galaxia en 1968. Corría 1986, ano no que fundou o grupo, cando Romero encontrou alí a palabra e decidiu usala para bautizar o seu proxecto artístico.
Sobre esta cuestión, o músico escribiu en setembro do 2022 na columna que ten todos os martes na sección de Cultura de La Voz. No seu texto lembraba a orixe do nome da formación. Tamén da que era a súa situación naquel entón: aparecía como topónimo de dúas localidades da provincia da Coruña (en Ares e en Bergondo), pero sen o apoio da RAG no seu dicionario. O texto removeu a cuestión mil veces exposta, deixando unha explicación escrita. Unha sinxela busca en Google do significado de lubre deixaba clara a anomalía. Na segunda entrada do buscador saía en castelán: «Lubre quiere decir brillo, resplandor en lengua gallega».
«Cando se publicou aquela columna púxose en contacto comigo Navia Franco, unha das fillas de Franco Grande, para agradecer o texto. Tamén falou da posibilidade de intentar o recoñecemento dunha palabra que está viva, aínda que non ten ese recoñecemento. A nós parecíanos moi interesante, porque estamos a piques de facer 40 anos como banda», dicía Romero cando arrincou a iniciativa en febreiro desde ano. Precisamente, polo vínculo con Vigo, tanto de Franco Grande coma de Galaxia, a iniciativa para lograr esta incorporación ao galego normativo comezou nesa cidade, onde a banda deu un concerto o pasado 15 de febreiro. Días antes da actuación, Bieito Romero foi recibido polo alcalde, Abel Caballero, quen apoiou publicamente a iniciativa de inclusión desta palabra, que agora se converte en realidade.
Definición idéntica
A RAG optou pola mesma definición incluída por Franco Grande no seu dicionario. «Dende Luar Na Lubre estamos congratulados de que a RAG fose sensible á incorporación deste termo histórico e literario da nosa lingua, e dámoslles as grazas a todos e cada un dos membros polo feito», explicaba Romero nun comunicado.
Luar Na Lubre fará o ano que vén 40 anos. Para iso está prevista a publicación un cedé-libro no que este logro terá unha grande influencia. «Probablemente, xire todo ao redor desta palabra, porque para nós é un tema de festexar. Lubre entra noutro territorio. Será tamén un recoñecemento a todos aqueles devanceiros que a fixeron brillar nas súas historias e nos seus dicionarios. Seguro que estarán ben satisfeitos de que se dese concluído un acontecemento coma este que dignifica e fai medrar o noso patrimonio como pobo. Faremos una ampla xira en Galicia, pero tamén a nivel nacional a internacional. Xa estamos pechando datas, e o 2026 será un grande ano», prevé.