Isaac Díaz Pardo, un barqueiro en tránsito continuo, a través de 150 obras
CULTURA

Unha grande exposición no Museo de Belas Artes da Coruña descifra a deriva do pintor cara á industria
20 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.
Dous óleos de tres metros de largo ocupan o espazo central da exposición sobre Isaac Díaz Pardo inaugurada este xoves no Museo de Belas Artes da Coruña. Titúlanse ambos os dous A barca de Caronte e pertencen á etapa anterior á viaxe a Bos Aires que o levará ao encontro con Luis Seoane e á fundación dun dos máis grandes proxectos culturais do século XX en Galicia, o Laboratorio de Formas. As dúas pinturas desta sala principal recollen o mito grego do barqueiro que conduce os mortos ao Hades a través da lagoa Estixia e, segundo explica o comisario da mostra e fillo do artista, Xosé Díaz, «serven de metáfora do tránsito de Isaac e da súa travesía vital e artística, da pintura á cerámica, da arte á industria».
O clasicismo aínda traspasa as figuras. «El estudou en Madrid, na escola de San Fernando, pero sobre todo no museo do Prado. Copiaba a Ribera, a Tiziano, a Rafael. Temos copias na casa. O de recoller as formas propias deste país chegará máis tarde», apunta Díaz sobre estas dúas obras, de 1947 e 1955 (a última, exposta por primeira vez), que lle dan o nome á ambiciosa montaxe.
Ata o 14 de decembro poderase visitar un repertorio de 150 pezas organizadas en cinco seccións, «moita pintura», pero tamén cerámica e mobiliario, procedentes da colección familiar e de préstamos do Museo de Pontevedra, Abanca, Fundación Luis Seoane, Real Academia Galega, Fundación María José Jove ou do propio Museo de Belas Artes. Canda Díaz Pardo, asoman obras do seu pai, o escenógrafo Camilo Díaz Baliño, Seoane, Torrallardona, Torres Agüero, Laxeiro e Geno Díaz.
Afianzado como un pintor de éxito, en 1949, con 29 anos, Díaz Pardo pasa á cerámica industrial e funda en Sada a fábrica do Castro. Axiña o chaman do exilio americano «Seoane, Cuadrado, Blanco Amor, atraídos polas cousas bonitas que está facendo o fillo de Camilo, e pídenlle que marche para Arxentina e monte alí unha réplica do Castro», conta Xosé Díaz.
O polifacético artista cruza o Atlántico para abrir Porcelanas de Magdalena, unha fábrica a 108 quilómetros de Bos Aires que dirixirá durante dez anos. A súa muller, Minina, queda en Galicia cos tres pequenos. Díaz Pardo entra en contacto coas vangardas europeas, colabora con Seoane, depura as formas cara á abstracción e a decoracións máis xeométricas. «A vida e a obra cambian para sempre», incide o fillo.
No 63 nace o Laboratorio de Formas para combater «a desmemoria e divulgar os emprendementos que levaban a cabo. O Castro, o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, o Instituto de Información, a nova xeira do Seminario de Estudos Galegos e, sobre todo, a recuperación de Sargadelos, onde el plasma todas as súas teorías».
Na fábrica de Cervo, un centro industrial de magnitude social, cultural e política que acolleu seminarios de arte, deseño, economía, empresa, cine e teatro, remata a exposición. «Foi un creador clave para a nosa cultura nos séculos XX e XXI», subliñou na inauguración o conselleiro de Cultura, José López Campos, que convidou «ás novas xeracións a afondar no seu coñecemento, en todas as súas vertentes e nun mesmo espazo».
«A oportunidade de compoñer todo o seu universo creativo»
A exposición «A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo» parte dunha concepción da súa traxectoria artística marcada polo progresivo abandono da pintura cara á cerámica e as iniciativas empresariais e culturais, que «xa se ten abordado noutras montaxes, pero de lado, non frontalmente, como fixemos agora», resalta Xosé Díaz.
O comisario traballou neste proxecto co equipo técnico do Museo de Belas Artes, onde se conservan media ducia de obras do pintor, entre elas, Xentes que ollan, un óleo de trazas expresionistas de 1963, nos comezos da recuperación da fábrica de Sargadelos; un Nu clasicista dos anos corenta moi influenciado pola súa viaxe a Roma, Florencia e Siena; e o comprometido O discurso, lenzo de gran formato que representa un mitin político en plena posguerra, en 1948, e deixa atrás o academicismo da primeira etapa, aguilloado por unha linguaxe herdeira da pintura galega da época.
«Esta exposición supón unha grande oportunidade para crear unha composición en conxunto de todo o universo creativo de Isaac Díaz Pardo, a través das súas distintas facetas, desde a etapa pictórica á de deseñador industrial, pasando pola transición plástica», anotou o conselleiro de Cultura na apertura da mostra. José López Campos celebrou a colaboración institucional que permite «sacar adiante proxectos coma este que nos fan medrar a nivel cultural con propostas de calidade».
A mostra compleméntase cun programa de actividades paralelas para difundir en profundidade o legado de Díaz Pardo, que inclúe un ciclo temático de conferencias, un curso a cargo do profesor e crítico Alberto Cartón e visitas guiadas para centros escolares, asociacións culturais e particulares, ata final de ano.