Lectoras no rural

Miguel Anxo Fernández AO FÍO

CULTURA

23 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Oamigo Pepe —unha relación que vén de nenos, tamén con Lola, a miña dona— faloume de que no seu berce, Astureses, un grupo de mulleres facían actividades ao abrigo do local social que linda coa súa espectacular igrexa románica, e adiantoume a súa teima de argallar un club de lectura. Seica que entre elas había boas lectoras, outras menos e pode que de letras galegas poucas. Pepe opinou que o bo sería comezar por un libro de relatos para ir lendo aos poucos e así ir comentando con calma. Ofrecinme doando exemplares do meu Capitol, última sesión (Galaxia, 2004) a cada unha das compoñentes do club, e a experiencia derivou a sorprendente e mesmo a pracenteira. O propio Pepe informábame puntualmente da evolución lectora, partindo da dobre base de que o volume percorría a historia do cine no século XX e a maiores transcorría na súa case totalidade no Carballiño e a súa comarca.

Iso evocou lembranzas sobre o pasado persoal de cada lectora co cinematógrafo e, ao tempo, un certo coñecemento do funcionamento do espectáculo como oficio e mais como negocio. Foi, pois, unha experiencia ben aproveitada que tivo o seu remate cando me convidaron como autor á xuntanza que puña fin á primeira actividade do club. É o cumio ao que aspira un escritor: facer comuñón cos lectores e certificar ata onde foi capaz de chegar no seu empeño de comunicarse a través da súa escrita. Pártese da idea da pluralidade, de que a literatura é como unha chave coa que entrar en cada persoa de maneira diferente. Escoitar opinións espontáneas arredor dun texto que, como autor, quizais levou semanas redondear, é un pracer único. Deixei Astureses, deixei o club —despois dunha suculenta merenda na que non faltou un saboroso licor café— coas pilas cargadas, confirmando que non todo está perdido para a lectura, que na Galicia das aldeas hai vida, e, sobre todo, desexando volver. E que este exemplo renda.