Xosé Manoel Núñez Seixas álzase co galardón de ensaio Manuel Murguía coa súa obra «Galicia e a División Azul»

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Núñez Seixas é autor de obras como «Imperios e danzas. As Españas plurais do franquismo» (2021) e «Os inmigrantes marxinados. A identidade galega na Arxentina, 1780-1960» (2024), ambas as dúas publicadas polo selo vigués Galaxia.
Núñez Seixas é autor de obras como «Imperios e danzas. As Españas plurais do franquismo» (2021) e «Os inmigrantes marxinados. A identidade galega na Arxentina, 1780-1960» (2024), ambas as dúas publicadas polo selo vigués Galaxia. Eduardo Pérez

O xurado sostén que o traballo do historiador ourensán é un texto contemporáneo «moi ben documentado» e construído «con neutralidade na exposición do contido ata a reflexión e a conclusión finais»

28 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O historiador Xosé Manoel Núñez Seixas (Ourense, 1966) fíxose co premio de ensaio Manuel Murguía coa súa obra Galicia e a División Azul, tras considerar o comité avaliador que se trata dun texto contemporáneo «moi ben documentado» e construído «con neutralidade na exposición do contido ata a reflexión e a conclusión finais». Convocado cada dous anos pola Deputación da Coruña e dotado cunha bolsa económica por importe de 6.500 euros e a publicación do libro, o galardón foi acordado —nesta súa 15.ª entrega— pola unanimidade dun xurado presidido pola deputada de cultura, Natividade González, e conformado por Blanca Paula Rodríguez Garabatos —gañadora da última edición—, Montse Fajardo, Rebeca Baceiredo, Heitor Picallo e Xurxo Martínez.

O fallo salienta os altos niveis do «traballo de investigación e de arquivo notable» realizado por Núñez Seixas, como tamén o seu emprego dunha linguaxe ensaística brillante, cun «estilo divulgativo e fluído, que facilita a lectura». Igualmente valorou de xeito moi positivo que o catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago manexe con eficaz soltura documentos, ilustracións, gráficos e fotografías, que incorpora dunha maneira que achega moita información de proveito, cousa que estimou ademais que ocorre coa «notable bibliografía da que fai uso». O ditame pon de relevo a utilización moi coidadosa que o autor efectúa da lingua «nunha obra —enxalza o xurado— de grande interese polo tema que aborda, a División Azul, e a súa repercusión posterior».

Xosé Manoel Núñez Seixas estudou Historia, na especialidade Historia Contemporánea, nas universidades de Compostela e Dijon, e doutorouse en Historia e Civilización no Instituto Universitario Europeo de Florencia. Entre os anos 2012 e 2017 foi profesor na Universidade Ludwig-Maximilian de Múnic. As súas pesquisas céntranse na historia comparada e transnacional dos nacionalismos e as identidades territoriais en Europa, os estudos migratorios, a historia cultural da guerra no século XX e a memoria das ditaduras.