A Asociación Amigos de Fefiñáns dedica a súa nova Semana Cultural a Isaac Díaz Pardo
CULTURA

O programa de conferencias concentraráse a vindeira semana nos xardíns do pazo cambadés, con entrada de balde
29 jun 2025 . Actualizado a las 09:31 h.Baixo o título Isaac Díaz Pardo e a defensa do noso patrimonio, a Asociación Amigos de Fefiñáns de Cambados centrará a sétima edición da súa Semana Cultural na figura do ilustre artista e galeguista, impulsor no seu día do proxecto industrial e cultural de Sargadelos.
O vindeiro martes, 1 de xullo, a Semana Cultural arrincará coa presentación do número 17 da revista Nova Ardentía. De Ribeira a Ribeira. Un día despois, Xosé Ramón Fandiño disertará sobre Isaac Díaz Pardo, custodio infatigable da memoria. O xoves 3, ás doce, inauguraráse no Museo Cabanillas a exposición Isaac Díaz Pardo: luz e compromiso, e pola tarde Maka Arca e Héitor Picallo falarán sobre a mostra. O venres 4 haberá unha mesa redonda con expertos nos pazos de Fefiñáns e de Lourizán e o Parque do Pasamento, con visita guiada o sábado pola mañá ao Pazo de Lourizán. E o luns 7 de xullo, Xosé Díaz, fillo de Díaz Pardo, compartirá o coñecemento sobre o seu pai nunha conferencia. As charlas e a mesa redonda comezarán ás oito da tarde, nos xardíns do Pazo de Fefiñáns, e a entrada é de balde.