
Hai non moito debatía cun amigo sobre a importancia dos pardais. El aseguraba que había de máis e que facían cuantiosos estragos nas colleitas. Eu tentaba salientar a súa importancia no equilibrio do noso ecosistema e sinalaba a mingua da súa poboación dende hai anos. Coa discusión de fondo fun mirar este dato: os estudos recentes conclúen que nos últimos 25 anos a poboación destes paxaros tan familiares diminuíu arredor dun 20 %, o que supón unha perda de entre seis e sete millóns de exemplares.
A cantidade é suficientemente significativa como para darnos conta de que xa non están tan presentes entre nós. As causas principais disto son moitas, como a contaminación, o exceso de ruído, a escaseza ou falta de insectos imprescindíbeis na súa dieta, sobre todo cando están aniñando, ou tamén unha mala xestión da biodiversidade.
Causas que por desgraza tamén afectan a outros tipos de aves que coa súa presenza poden ofrecernos datos tan importantes como a pureza do ar, da auga e a saúde dunha contorna. Nesa conversa da que falaba ao comezo, veume á memoria a campaña das catro pragas levada a cabo na China a finais dos anos 50 ideada durante o mandato de Mao Zedong. Esas catro pragas para eles eran as ratas, as moscas, os mosquitos e os pardais.
Baixo unha idea supostamente medioambiental pretenderon minguar ou erradicar estas especies coa finalidade de obter mellores colleitas e outros beneficios. Ratas, moscas e mosquitos foron exterminados en nome da salubridade pública. E todo correcto, pero os pardais non entraban nese grupo. O seu pecado para os ideólogos da campaña era que comían moito gran das colleitas e por iso había que reducilos ou exterminalos. A acción foi tan brutal que case o logran, o que desencadeou un máis que predicíbel desastre ecolóxico. Chegou a ser de tales proporcións que, con outros factores, provocou a chegada dun tempo de fame no que morreron millóns de persoas.
Reflexionaron sobre o feito e os pardais foron substituídos na lista das pragas polas chinches. Para tentar de repoñer o mal causado, o Goberno chinés tivo que importar millóns destas aves de Rusia e outros lugares coa idea de restablecer o equilibrio crebado, pero o mal xa estaba feito.