
Ogran escritor Álvaro Cunqueiro, nacido en Mondoñedo en 1911 e finado en Vigo en 1981, está a sufrir agora un moi inmerecido silencio, que constitúe unha verdadeira inxustiza literaria. Porque o autor de obras coma Merlín e familia, Ás crónicas do sochantre, Se o vello Simbad volvese ás illas, Las mocedades de Ulises, Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca ou Un hombre que se parecía a Orestes (título co que se alzou co premio Nadal en 1968) deixou ben acreditado o seu xenio literario, que o converteu no mellor novelista en galego do século XX.
Unha frase súa explica todo o seu sentir: «Loubado seña Deus, porque me permitiu nacer, medrar, facerme home e agora envellecer neste grande reino que chamamos Galicia, neste grande reino do Fisterre, que vai desde os montes astra o mar onde brillan os pés do vento, a este país dos dez mil ríos, do vello camiño das perigrinacións, a este país dos mil vales, a este país fermoso, eternamente verde, patria querida, a terra no senso barresiano: patria son a terra e os mortos. Gracias a Deus por este reino». Máis aínda, Cunqueiro tiña claro que «se continua a lingua, nós continuaremos como pobo, e se non continua, non continuaremos como pobo».
Enterrado no cemiterio vello de Mondoñedo, unha lápida reza: «Eiquí xaze alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis». Consciente da importancia de expresarse en galego e de manter culturalmente viva a lingua propia de Galicia, Cunqueiro manifestouse sempre coma un paladín defensor da causa galega no ámbito do idioma.
Contemporáneo de Cunqueiro foi o gran escritor Camilo José Cela, que fachendeaba con razón de ter gañado o Premio Príncipe de Asturias en 1987, o Nobel de Literatura en 1989 e o Cervantes en 1995. Mais para Cunqueiro o maior premio foi a fidelidade dun pobo que se recoñeceu nas súas obras e que nunca deixou de admiralo. Porque o mundo cunqueirán sempre tivo a súa capital en Mondoñedo e quizais tamén no Vigo que o acolleu coma xornalista e onde morreu.