A MIT de Ribadavia outorga o premio de honra ao seu anterior director, Roberto Pascual

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Pascual (O Carballiño, 1981), nunha actividade da MIT, en foto de arquivo.
Pascual (O Carballiño, 1981), nunha actividade da MIT, en foto de arquivo. Rosinha Rojo

Liderou a mostra entre os anos 2009 e 2024, etapa na que soubo facer da feira un encontro de referencia tanto para a profesión e a cultura galegas como para a escena internacional

15 jul 2025 . Actualizado a las 22:34 h.

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia acordou outorgar o premio de honra 2025 ao seu anterior responsable, Roberto Pascual, ao tempo que prepara o arranque da súa 41.ª edición, xa baixo a nova dirección. que encabezan Sabela Mendoza e Gena Baamonde. Pascual liderou a MIT entre os anos 2009 e 2024, unha etapa na que soubo facer da feira un encontro de referencia tanto para a profesión e a cultura galegas como para a escena internacional. Neste período o festival avanzou e situouse entre os máis prestixiosos no seu ámbito, en diálogo, lembra a organización, con compañías, redes e circuítos escénicos de primeiro nivel. Á vez, mantivo o carácter comunitario, identitario e arraigado no espírito transformador e renovador dos inicios, alimentando o valor da cultura como piar esencial para a cidadanía.

O galardón instaurouse no 2000 co obxectivo de recoñecer publicamente a colectivos ou persoas responsables do progreso nas artes escénicas galegas, contribuíndo á súa modernización e democratización. Despois de 16 anos á fronte da mostra, Pascual deixou unha fonda pegada tanto no festival e o sector teatral como na veciñanza de Ribadavia.

Actual vicedirector da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Pascual é membro do Consello da Cultura. Doutor en Estudos da Literatura e da Cultura pola USC, cursou Filoloxía Galega e o posgrao en Arte Dramática. Como dramaturgo, destaca Sophie non é o meu nome de guerra, peza coa que obtivo o premio Rafael Dieste.