Lembranza de Torrente Ballester

CULTURA

Gonzalo Torrente Ballester, en el centro cultural que lleva su nombre en Ferrol.
Gonzalo Torrente Ballester, en el centro cultural que lleva su nombre en Ferrol. KOPA

26 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Édifícil explicar o silencio que rodea hoxendía á gran obra literaria do escritor Gonzalo Torrente Ballester, que é, sen dúbida, a máis incuestionable entre os novelistas galegos de todos os tempos, por riba do propio premio nobel de literatura Camilo José Cela e do gran dramaturgo Ramón María del Valle-Inclán.

As obras máis ambiciosas e incontestables de Torrente Ballester son Los gozos y las sombras e La saga/fuga de JB, novela esta que comezou a escribir en galego e que logo seguiu en castelán porque, como el explicou, «Galicia non tivo coma Cataluña uns ricos burgueses que lle pagasen a uns equipos de filólogos para que inventaran o seu idioma moderno no que se puidese escribir todo. Nós non tivemos eses burgueses ricos que fosen galeguistas, nós só tivemos poetas». Así se explica que as grandes novelas de Gonzalo Torrente Ballester —un dos mellores novelistas do século XX— estean escritas en castelán.

O ano pasado celebrouse o 25 aniversario da súa morte, cunha clara reivindicación de obras coma Los gozos y las sombras e La saga/fuga de JB, unhas creacións narrativas que conforman unha sólida achega literaria de carácter universal.

Os premios Cervantes, Príncipe de Asturias das Letras e o Nacional de Literatura, que recibiu o autor, abriron o camiño do seu recoñecemento literario.

Unhas novelas que, como ben subliñou o gran crítico literario Ánxel Basanta, «fixeron del un dos mellores novelistas do século XX, con media ducia de novelas grandiosísimas». O xa citado Ánxel Basanta e os tamén prestixiosos críticos Carmen Becerra e José Antonio Ponte Far figuran á fronte dos estudosos que reivindicaron a súa obra literaria e que, con motivo da celebración do seu 25 aniversario, reivindicaron ó «irónico e torrencial narrador», que figura na vangarda da nosa literatura.

Porque, como pasa con todos os grandes escritores, Torrente Ballester xa percorreu a longa travesía que o acredita coma o gran novelista que é.