As películas galegas «Hippocampus», «Patios de luz» e «Abellón» compiten no festival de Bueu

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Escena da película de Carla Simón «Romería», que inaugurará as proxeccións do FicBueu 2025.
Escena da película de Carla Simón «Romería», que inaugurará as proxeccións do FicBueu 2025. Elástica Films

Os realizadores Xaime Miranda, Fran Rodríguez e Fon Cortizo forman parte da sección oficial dun certame de cine que inaugurará Carla Simón

21 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres dos 28 filmes que competirán na sección oficial do FicBueu (Festival Internacional de Cinema de Bueu) 2025, que se celebrará entre os próximos 5 e 20 de setembro, son obra dos galegos Fon Cortizo, Xaime Miranda e Fran Rodríguez. Son, respectivamente, as curtametraxes Abellón, Hippocampus e Patios de luz, o que xa de inicio as sitúa entre o mellor da produción do último ano a nivel internacional. Manuel Pena, codirector do certame, cualificou a escolma de títulos a competición como heteroxénea, e enxalzou a aposta por un «marcado carácter autoral».

O conxunto de pezas que configuran a selección reflicte algunhas das problemáticas latentes na sociedade actual, explica a organización —María Ruiz-Falcó e Pena son os responsables da programación—. Ademais, cinco destes filmes poderán verse en Bueu por primeira vez en España, e 14 por primeira vez en Galicia. Tanto Ruiz-Falcó como Pena sinalaron un incremento notable na presenza de cintas feitas en América Latina. Ruiz-Falcó destacou tamén un aumento do peso «da animación, o documental e a comedia».

As cinco estreas en España son Housewarming, de Liam White (Reino Unido); Moon Lake, de Jeannie Sui Wonders (EE.UU.); 1 hijo & 1 padre, de Andrés Ramírez Pulido (Colombia); Linnud Läinud, de Anu-Laura Tuttelberg (Estonia); e Himmel Wie Seide. Voller Orangen, de Betina Kuntzsch (Alemaña).

En canto aos filmes que se verán por primeira vez en Galicia, son: 2006, de Gabriella Choueifaty (Francia, Líbano); En Hjältes Död, de Karin Franz Körlof (Suecia); Este no es tiempo para carnaval, de Tadeo Pestaña Caro e Kevin Havas (Arxentina); Rose, de Annika Mayer (Alemaña); O, de Rúnar Rúnarsson (Islandia); The Car That Came Back From the Sea, de Jadwiga Kowalska (Suíza); Hello Stranger, de Amélie Hardy (Canadá); The Eggregores’ Theory, de Andrea Gatopoulos (Italia); Amarela, de André Hayato Saito (Brasil); Domingo familiar, de Gerardo del Razo (México); Furia, de Fran Moreno Blanco e Santi Pujol Amat (España); Bad For A Moment, de Daniel Soares (Portugal); 400 Cassettes, de Thelyia Petraki (Grecia, Alemaña) e El banner, de Tomás Terzano (Arxentina, España). Entre os temas principais en que profundan estes filmes, sobresaen a precariedade laboral, a invisibilidade da violencia doméstica, a identidade e a inmigración.

Talento emerxente na curtametraxe

Tamén fóra da sección oficial se poderá ver no FicBueu produción xurdida en Galicia. Será na sección GZ_00, onde concorren os creadores emerxentes Blanca Navarrete, Antía Rodeiro, Diego R. Aballe, Xosé Dopazo, Alba Domínguez, Nuria Vil, Carlos Calvar e Paula Pereira.

Esta sección busca dar visibilidade a autores galegos que «están comezando a súa carreira e teñen unha proposta artística que merece ser impulsada», subliña a organización. O público atopará variedade de perspectivas, desde ficción clásica, traballos experimentais, ensaio, comedia surrealista, etcétera, nunha estimulante mostra do panorama audiovisual da comunidade autónoma.

En O Corpiño, Blanca Navarrete e Antía Rodeiro utilizan a imaxe de arquivo para amosarnos o santuario da Nosa Señora do Corpiño (Santa Baia de Losón, Lalín), coñecido popularmente como «santuario dos exorcismos», un dos que conta con máis devotos na Galicia interior. Diego R. Aballe narra en Monstera a discusión que desata unha planta descoidada durante unha viaxe de negocios; e, en Holdsworth, Xosé Dopazo mergullará o público nunha obra de acción non-stop.

Delincuente, dirixido por Alba Domínguez sobre un guión coescrito coa poeta Nuria Vil, presenta a La Maradona, líder dunha banda de delincuencia xuvenil do Vigo da década dos anos oitenta, nunha peza visual que rescata a historia obreira da cidade olívica e a literatura contemporánea, detalla o certame.

Boca de asno, de Carlos Calvar, amosa como un tropezo desafortunado pode cambiar o teu futuro, e Paula Pereira aborda, en Algo novo que contar, as dificultades de progresar nas relacións.

O festival pontevedrés convidará aos autores das obras seleccionadas nas seccións oficial e GZ_00 a participar en sete coloquios. Todos terán lugar —de xeito diario— tras a proxección das obras e estarán abertos ao público, que poderá achegarse á perspectiva dos creadores presencialmente ou mesmo por streaming.