Ogran pintor Pablo Ruiz Picasso viviu na Coruña entre os anos 1891 e 1896, un tempo no que comezou a súa formación artística. Algo que logo acreditaría a directora do Museo Picasso de París, Anne Baldassari, que xa manifestara que sen A Coruña non se entende o Picasso más coñecido, o autor de obras capitais como As señoritas de Aviñón e o Guernica. Neste sentido, a conservadora e especialista francesa recoñeceu que «foi na Coruña onde se fixo pintor, aínda que esta etapa sexa a menos coñecida» da súa biografía.
O xornalista galego Antonio D. Olano, nacido en Vilalba (Lugo), pero residente en Madrid, mantivo unha relación de gran proximidade con Picasso e dedicoulle o libro titulado El señor de las palomas, que subliña a enorme relevancia de Galicia na formación de Picasso. A achega de Olano está baseada na relación de amizade que chegou a ter co artista e que lle permitiu escribir sobre as etapas de Málaga (berce familiar) e da Coruña (escola da vida en plena adolescencia). O resultado foi un Picasso galeguizado, que titulou Azul y Blanco (1894-1895) unha das súas revistiñas manuscritas. Arredor del estaba a Galicia de Murguía, Pablo Iglesias, Linares Rivas Emilia Pardo Bazán, etcétera. Os seus pais sentíanse desterrados en Galicia, pero el gozaba das súas primeiras experiencias vitais e creativas, co escultor, gravador, pintor e debuxante Isidoro Brocos, catedrático de Modelado na Escola de Artes e Oficios da Coruña, e coa protección do doutor e bo amigo da familia Ruiz Picasso Ramón Pérez Costales (a quen, por certo, o mozo Picasso retratou).
Logo de marchar, Pablo Piccaso non volveu nunca á Coruña, pero sempre recibiu información sobre o que sucedía na cidade. Unha boa parte desa información chegáballe por parte de visitantes, como Antonio D. Olano, entre outros. Porque A Coruña nunca esvaeceu na súa memoria, como podían comprobar moitos dos seus visitantes españois, entre os que estivo o escritor padronés e premio nobel de literatura Camilo José Cela.