Dos sete concellos, Santiago é o que máis gasta en cultura, con 141,23 euros per cápita, e Ourense o que menos, 29,43
CULTURA
Hai numerosos concellos máis pequenos aínda que superan os 100 euros de gasto por habitante, como son, entre outros, Mugardos, O Grove, Padrón, Ortigueira, Abegondo, Outes, Vimianzo, Celanova, Esgos, O Saviñao, Boborás, Folgoso do Courel e Vilariño de Conso
06 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Santiago e A Coruña son os concellos que máis recursos destinan á cultura, medidos tanto en termos per cápita como en proporción sobre o gasto local, e referidos ao exercicio do 2022, o último do que se dispuña de información completa no momento de iniciar o estudo do Consello da Cultura Galega. No primeiro caso, 141,23 euros por habitante, o que supón o 11,9 % do total, mentres que na Coruña a cifra é de 121,50, o 11,1 %. Ambos quedan moi lonxe do ocorrido en Ourense, que, cos seus 29,43 euros por habitante, é o que menos inviste dos sete concellos máis poboados. Así se desprende do informe «O gasto en cultura na Administración local en Galicia» elaborado polo observatorio do Consello da Cultura Galega coa colaboración metodolóxica e técnica do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da Universidade de Santiago. Tamén se detecta en Santiago e na Coruña unha tendencia ascendente que, en niveis absolutos máis baixos, é extensible ás cidades de Ferrol, Lugo e Vigo. No terceiro posto sitúase Pontevedra (69,35 euros), e despois Ferrol (64,75 euros) e Lugo (62,10 euros), con porcentaxes de gasto en cultura do 7,3, 6,0 e 5,6 %, respectivamente.
Porén, o estudo advirte que a intensidade do esforzo cultural non está determinada pola relevancia demográfica nin a densidade de poboación, senón polo grao de prioridade política e simbólica que cada concello lle outorga a este campo. Isto explica que municipios medianos e pequenos, independentemente da súa estrutura poboacional, poidan alcanzar niveis de investimento cultural comparables ou mesmo superiores aos das cidades, que dispoñen dunha maior capacidade de gasto absoluto tanto polo volume de poboación ao que deben atender coma pola posibilidade de manexar grandes partidas orzamentarias. Nos concellos de entre 20.000 e 49.999 habitantes, por exemplo, Narón e Lalín adiantan a Pontevedra en gasto por habitante.
Pero é que hai numerosos concellos máis pequenos aínda que superan os 100 euros de gasto por habitante, como son, entre outros, Mugardos, O Grove, Padrón, Ortigueira, Abegondo, Outes, Vimianzo, Celanova, Esgos, O Saviñao, Boborás, Folgoso do Courel e Vilariño de Conso.