
Illa do amor, illa da morte». Así titulou Valentín Paz-Andrade, en 1976, un poema dedicado a Álvaro Xil Varela, galeguista que estivera preso na illa de San Simón nos férreos días da Guerra Civil. E son estas dúas ideas, a do amor e a da morte, as que deben ter moi presentes os moitos visitantes desta fermosa illa da ría de Vigo que, moito antes de ser campo de concentración, foi escenario lírico, no século XIII, dunha inesquecible historia de amor protagonizada por unha mociña nova que desesperaba na espera do namorado (amigo) que non chegaba, mentres as ondas parecían asolagar, na marea alta, o territorio da minúscula illa, daquela, segundo especialistas en ciencias mariñas, algo máis pequena.
Na biografía da illa, os sucesos arrepiantes acaecidos entre 1936 e 1943 pertencen, de cheo, á realidade, pero a historia do século XIII pertence á ficción literaria. Na illa situou Mendiño, o misterioso e xenial Mendiño, a peripecia amorosa da súa cantiga, un dos textos poéticos de máis valía da Idade Media europea. É a única composición do autor que coñecemos, cantiga da que só nos chegou o texto literario, non o texto musical. En 1980 púxolle música e voz o gran Amancio Prada e en 1982 cantou, in situ, os 24 versos da conmovente composición. Eu estaba alí na compaña de alumnos, colegas e amigos meus: era a primeira vez que se facía unha excursión cultural á illa. Non teño noticia de que Amália, a gran fadista portuguesa, visitase San Simón, ela que tamén musicou e cantou o inmortal poema de Mendiño.
Centos e centos de presos, entre eles meu pai, ignoraban que residían nun territorio literario singular, se ben algúns tiñan precisa noticia da historia amorosa contada por Mendiño, entre eles os poetas Luís Bouza Brey e Diego San José, e, dun xeito especial, o infortunado filólogo Aníbal Otero.
Hai días, o 7, unha moi activa asociación de Vilagarcía, O Faiado da Memoria, visitou San Simón e teño noticias de que algúns dos oradores, ao falaren da illa da morte, non eludiron a súa vella condición de illa do amor. Unha illa como esta non debe acoller actos alleos aos dous temas definidos por Paz-Andrade.