A Cátedra Carvalho Calero nace reivindicando o seu legado, «que continúa funcionando»

M. G. I. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

O reitor da USC indicou que se trata dunha iniciativa «de xustiza»

24 sep 2025 . Actualizado a las 13:04 h.

«Aproveitemos o legado de Carvalho [Calero]. Non podemos darnos o luxo do desperdicio do seu talento», apelou Carlos Quiroga, o director da Cátedra Carvalho Calero da Universidade de Santiago, que onte se estreaba cun acto no paraninfo. Trátase dunha das catro cátedras que a institución académica puxo en marcha en colaboración co Parlamento e coa Consellería de Cultura para impulsar figuras senlleiras. Tamén están activas as dedicadas a Rosalía, Castelao e Otero Pedrayo.

O reitor da USC, Antonio López, considera a Cátedra de Carvalho Calero «un acto de xustiza». Lembrou que foi o primeiro alumno que interveu en representación do estudantado na inauguración dun curso académico da Universidade. Foi no ano 1930, e naquel discurso reivindicaba a galeguización da institución, reclamando que «en nuestras cátedras exista nuestra lengua vernácula». A cátedra de lingua e literatura galega non chegaría, iso si, ata o 1972, cando a ocupou o propio Carvalho Calero.

Carlos Quiroga, pola súa banda, apuntou que esta nova cátedra institucional supón «unha sabia reparación dunha anomalía». Indicou que «non ten unanimidade», xa que a figura de Carvalho Calero, que propuxo o reintegracionismo lingüístico, «continúa sendo algo incomodante». A este respecto, engadiu que «é unha cátedra de certa impugnación mesmo do galeguismo oficial que se declara herdeiro del». Iso si, subliñou que «a proposta carvalhosa segue vixente», apuntando que «o seu legado continúa funcionando». Precisamente, o profesor José-Martinho Montero Santalha, na lembranza a Carvalho Calero, incidía na súa aposta para que o galego se integrase na lusofonía e evitar a súa desaparición.

Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, cualificou a Carvalho Calero como «un titán da nosa cultura», resaltando que a cátedra porá a súa figura no lugar que lle corresponde. Na estrea da cátedra tamén estiveron familiares do homenaxeado, como a súa filla e netos, así como representantes de distintas institucións.  

Publicación sobre Castelao

A cátedra institucional estreouse coa publicación dun minilibro con catro artigos que Ricardo Carvalho Calero publicou sobre Castelao en La Voz de Galicia tendo en conta que este ano se celebra o 75 aniversario da morte do rianxeiro.