Opasado venres tiven a honra de ser convidado a dar unha charla sobre a música celta nun ciclo de conferencias chamado Compostela histórica. A verdade é que este é un tema sempre controvertido, e por iso quixen documentarme o mellor posible para falar en profundidade deste modo de facer música e o seu impacto en Galicia.
Deixando a un lado as polémicas, é innegable que este xeito de entender e facer música marcou un momento decisivo na música galega, levándoa a cotas de internacionalización nunca antes pensadas. O meu obxectivo principal era salientar a importancia do impacto desta música e subliñar as claves fundamentais para continuar explorando novos camiños. E como sabemos que a información entra máis facilmente polos ollos, centrei unha parte da charla no impacto deste tipo de sonoridades no cine, un punto que resultou doado de entender para a inmensa maioría dos asistentes. Falei de superproducións como Titanic (1997), de James Cameron; mencionei a música de James Horner (Óscar á mellor banda sonora) na que participaron o grupo irlandés Gaelic Storm xunto ao recoñecido gaiteiro escocés Eric Rigler. Tamén citei Braveheart (1995), de Mel Gibson, co mesmo compositor (James Horner) e de novo coa participación de Eric Rigler. Estas son películas que incorporan a sonoridade da música celta e teñen un forte impacto na audiencia. Podería citar moitas máis, pero por valor histórico quedo con Barry Lyndon (1975) de Stanley Kubrick. A súa banda sonora inclúe a participación dos irlandeses The Chieftains interpretando o fermosísimo tema Women of Ireland. En España tamén se fixeron películas neste sentido. Dous exemplos son La mitad del cielo (1986), que gañou o Goya á mellor música orixinal coa banda sonora do grupo galego Milladoiro, e Mar adentro (2004), a película española máis galardoada nos Goya cun total de 14 premios, un deles tamén pola música orixinal, asinada polo propio Alejandro Amenábar e na que participa o gaiteiro Carlos Núñez. Xa en Galicia, e varrendo para casa, entre moitas, está o documental Un bosque de músicas (2004) de Ignacio Vilar, que trata sobre parte da historia de Luar Na Lubre, coa música do grupo e coa que gañamos un premio Mestre Mateo.