Mofa e Befa extraen o «humor negro» de Castelao en «Os dous de sempre»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Ana Isabel Vázquez, Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Jacobo Sutil presentaron a montaxe.
Ana Isabel Vázquez, Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Jacobo Sutil presentaron a montaxe. Sandra Alonso

Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira estrearán a peza o día 17 en Rianxo

02 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Un encontro entre dous dúos míticos da cultura galega: Os dous de sempre e Mofa e Befa». Así define o director Quico Cadaval a adaptación teatral que Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira protagonizarán da única obra narrativa escrita por Castelao. «As afinidades e maneiras nas que chocan eses recursos cómicos permitiunos explorar. Estamos descubrindo certas formas do humor, da melancolía, da parte sombría da obra de Castelao», asegurou o director desta nova proposta de Producións Teatrais Excéntricas durante a presentación no Gaiás, onde están ensaiando estas semanas para a súa estrea o 17 de outubro en Rianxo, a vila natal do autor do texto.

Mentres Evaristo Calvo se meterá na pel de Rañolas, personaxe crítica e analítica, Víctor Mosqueira farao na de Pedriño, que ten unha exacerbada paixón pola comida e a folganza. «Polo medio vaise poñendo de manifesto o pensamento da época, que non quere dicir que agora non exista. Si que existe, pero doutro xeito. En vez de chamarlle Virxe do Carme, chamámoslle intelixencia artificial», sinala o actor Evaristo Calvo, poñendo tamén de relevo que na peza aparece reflectido «o profundo humanismo cristián que tiña Castelao».

Aínda que noutras obras Castelao é moito máis humorístico e satírico, «e sería moito máis doado», Quico Cadaval explica que escolleron Os dous de sempre para representala enriba do escenario porque «aparece un tipo de humor que está ben para que o desenvolvan Mofa e Befa. Está ese humor negro, así como unha forma melancólica e sinistra do humor».

Nese aspecto, o director apunta que se trata dunha montaxe que combina «o sombrío e o melancólico co carnavalesco e cómico». Unha descrición na que tamén incidiu Evaristo Calvo indicando que será un espectáculo divertido, pero no que hai que ter en conta que «Castelao, como humorista, pertence ao humor negro; practicamente todo está baseado en humor de miseria, de sufrimento. A obra está chea diso e dun sentimentalismo, unha sensibilidade sobre as persoas desfavorecidas». Salientou, ademais, que con esta montaxe, «ollando un pouco o noso pasado, imos descubrindo o noso presente e quen sabe se o noso futuro».

Mofa e Befa, que saltaron a escena en 1992 como dúo, non estarán sós sobre o escenario en Os dous de sempre. Tamén incluirán outros intérpretes como Josito Porto, que se meterá na pel do propio Castelao. Á hora de artellar a proposta tamén participan Carme Varela, que asina a dramaturxia; Baltasar Patiño, que se encarga do espazo escénico e lumínico; Carlos Alonso, dos figurinos; Bernardo Martínez é o responsable da música; mentres que Sonia García está á fronte da fotografía e o vídeo. A aposta, segundo resaltou Quico Cadaval, comporta un escenario «bastante limpo» no que xogarán un papel salientable os reflexos que se producen sobre unha mesa.

Quince funcións no 2025

Con esta montaxe de Mofa e Befa tomando como referente a Castelao, Producións Teatrais Excéntricas segue na súa liña dos seus últimos éxitos adaptando para o teatro a grandes figuras da literatura galega. En anos anteriores representaron O porco de pé, de Vicente Risco, e o Auto do Castromil, de Manuel María. Precisamente, nesta adaptación dos clásicos galegos incidiu o director da axencia autonómica Agadic, Jacobo Sutil, que augura un éxito de público para esta peza que conta co apoio das axudas á creación escénica da Xunta. Tamén dispuxeron dun espazo na Cidade da Cultura para ensaiar. A súa directora-xerente, Ana Isabel Vázquez, remarcou a aposta da institución como espazo de creación.

Este ano Os dous de sempre xa ten pechadas 15 funcións. Despois da estrea en Rianxo continuará xira en Moaña (18 de outubro), Arteixo (día 24), Ourense (día 25), Sada (día 26) e Ames (día 31). Novembro comezará cunha estancia na Sala Artika de Vigo entre os días 1 e 5. Tamén acudirán a Narón o día 29. Xa en decembro, Mofa e Befa achegaranse ata Padrón (día 6) e Lugo (día 11). No 2026 haberá paradas, entre outras, no Teatro Principal de Santiago en abril —«o noso desafío é enchelo catro veces», apuntou Quico Cadaval— e no Teatro Rosalía de Castro da Coruña entre o 15 e o 16 de maio.