Música desde a tradición galega cunha ollada cosmopolita

Hugo Álvarez Domínguez

CULTURA

Un autor de renome internacional. O músico Octavio Vázquez (Santiago, de Compostela, 1972), un dos nomes máis internacionais da composición galega actual, retratado mentres traballa na escrita dunha partitura.
Un autor de renome internacional. O músico Octavio Vázquez (Santiago, de Compostela, 1972), un dos nomes máis internacionais da composición galega actual, retratado mentres traballa na escrita dunha partitura. Alan Tirré

O compositor Octavio Vázquez volve a Galicia para a estrea europea do seu «Quinteto con piano op. 64», este luns en Vigo e o martes na Coruña

06 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Octavio Vázquez (Santiago, 1972) é un dos nomes máis internacionais da composición galega actual. Afincado en Nova York, regresa a Galicia para a estrea europea do seu Quinteto con piano op. 64. Será este luns en Vigo (Teatro Afundación) e o martes na Coruña (Real Academia de Belas Artes), ás 20 horas. O autor estará ao piano co Cuarteto Opus X nun programa que inclúe o Cuarteto opus 131 de Beethoven.

Escrito no 2021 por encargo do Aspen Music Festival, Vázquez relata que a idea do quinteto entrou con forza na súa cabeza xa hai tempo, no 2003. «Anotei os temas principais e escribín unhas páxinas, pero tiven que agardar a ocasión propicia para sentarme a escribilo, neste caso case dous decenios despois!». Ten sete movementos de duracións diversas conectados entre si: «Cando escribo é a música a que me di o que quere facer e a onde quere ir; limítome a apartarme, escoitala e escribila tan fielmente como é posible», explica.

O quinteto aborda feitos de finais do século XV en Galicia, e na península Ibérica: «As coroas de Castela e Aragón asinan en 1492 o Decreto da Alhambra, polo cal os xudeus tiñan que abandonar os seus territorios en catro meses, sen poder levar nin ouro nin prata nin diñeiro, baixo pena de morte». Rematan séculos de convivencia e tolerancia entre xudeus, musulmáns, cristiáns e mesmo pagáns, que «deran lugar a un desenvolvemento económico e cultural sen paralelo na Europa daquel tempo. O xudaísmo queda prohibido na Península, castigado coa confiscación dos bens, a tortura e a morte. O Islam sufrirá un destino semellante».

Na raíz da obra están «desprazamentos forzosos, intolerancia, violencia contra os outros, sexa cal for a maneira en que esa distinción se faga, imposición de miras e construción de barreiras artificiais entre persoas». Temas que son hoxe «tan actuais como hai cinco séculos». As referencias musicais inclúen Si amor pone las escalas, vilancico de Juan del Enzina; un himno gregoriano usado pola Inquisición no século XVI; e a canción de aire renacentista Ay linda amiga, supostamente baseada nunha melodía do século XV ou XVI, pero probablemente espuria. «Sexa ou non orixinal do Renacemento, a letra e o pathos son perfectos para o quinteto», sinala Vázquez.

Asemade, hai referencias á música tradicional galega. En particular, O afiador, recollida por Fuxan os Ventos, e a Muiñeira de Chantada. «Galicia foi parte destes feitos, aínda hoxe se percibe influencia xudía e musulmá mesmo máis que noutras partes da Península. A nosa tradición musical é resultado de séculos de influencias dos pobos e migracións que dan lugar á actual cultura galega», argumenta o autor.

O principal é o contido emocional e espiritual da música. «Varias veces escribín sobre traxedias históricas que seguen sen estar resoltas. O quinteto é desas pezas. Se alguén me preguntase se tiña intención ou desexo de escribir sobre o tema, a miña resposta tería sido non. Con todo, estas obras atópanme con frecuencia». Cre que as traxedias históricas teñen «unha función sanadora e preventiva de futuros desastres e poden facilitar unha catarse no público».

A sombra da tradición galega planea directa ou indirectamente sobre boa parte das obras de Octavio Vázquez desde unha ollada cosmopolita mesmo se non é algo buscado: «Non tentei escribir música galega senón música universal. Son galego, e este feito impregna toda a miña produción. Algunhas obras estiveron desde o principio inspiradas pola nosa música tradicional, pero noutras moitas é produto de ser quen son», comenta.

Sobre a relación entre o seu quinteto e o Cuarteto opus 131 de Beethoven (ambos en sete movementos), o compositor recorda que «despois da estrea en Nova York, [o compositor] Haralabos Harry Stafylakis comentoume que fora moi enxeñoso como me referira a Beethoven no meu quinteto, pero o sorprendente é que non o fixen! As conexións son totalmente casuais».

Ser intérprete da súa propia obra, para Vázquez é gozoso. «Non o fago con máis frecuencia só por cuestión de tempo —relata—. Encántame vir a Galicia e manter conexións coas organizacións culturais galegas». Neste caso, co Cuarteto Opus X, formado por membros da OSG, que «aínda que naceron todos en países diferentes, levan anos asentados na Coruña».