A obra «Intervalo 2024», de Ana Gesto, gaña o 19.º certame de arte Isaac Díaz Pardo
CULTURA
A artista traballa, enxalza o fallo, «o cotiá feminino, o espazo doméstico e o etnográfico, a través de obxectos cunha forte carga simbólica»
06 oct 2025 . Actualizado a las 20:51 h.A artista visual Ana Gesto (Santiago, 1978) alzouse coa edición numero 19 do certame de arte Isaac Díaz Pardo —que promove a Deputación da Coruña— grazas á súa obra Intervalo 2024.
O xurado, presidido pola deputada de cultura, Natividade González, e integrado por Elena Bangueses Buceta, Xosé Manuel Buxán Bran, Ánxela Caramés Sales, María Dolores Dopico Aneiros e Iñaki Martínez Antelo, afirma que a obra «resume as características esenciais na traxectoria da artista Ana Gesto. Por unha banda, o cotiá feminino, o espazo doméstico e o etnográfico, a través de obxectos cunha forte carga simbólica. O seu traballo remite a un universo moi persoal no que o corpo da artista a través da performance, nos interpela desde un posicionamento feminista sempre presente na súa práctica artística. Por outra banda, as referencias ao universo sonoro no traballo, nesta peza, coas cordas e as caravillas da guitarra que aparecen en tensión sen chegar a producir sons». Engade ademais o ditame que esta creación vén a ser «unha pausa sonora convertida en obxecto, como unha imaxe sonora e poética: un acorde imposible, detido no limiar do audíbel, como unha memoria que flota entre o visíbel e o que aínda está por acontecer».
A Deputación, seguindo as bases do concurso, destina ademais 24.125 euros a mercar outras das obras presentadas: La memoria en el corazón, de Carmen Suárez; Czerny, Schule der Geläufigkeit op. 299, erstes Heft, de Ana Pérez; Diario, octubre del 84, de Joan Morera; Pintura Peso 3923, de Carlos Fernández; ConJugar, de Andrea Costas; e América del norte política, de Jesús Victoriano Fandiño.