Eu, naquel 20 de novembro

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

21 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nesa memorable data —a do 20 de novembro de 1975— eu estaba en Montilla (Córdoba), a mil quilómetros de Lugo, a cidade na que residira desde 1960 ata poucos días antes da morte de Atila e onde exercera como catedrático de Lingua e Literatura españolas no Instituto Masculino de ensino medio.

Militante eu, daquela (e hoxe) do Partido Comunista, fora obxecto, como docente, dun expediente por parte do Ministerio de Educación que non comportou a suspensión de emprego e soldo pero, si, o desterro a esa cidade andaluza, un desterro administrativo semellante ao de Castelao (Extremadura) e Alexandre Bóveda (Andalucía) no ano 1935. En novembro de 75, o catedrático de Literatura Francisco Rodríguez, expedientado algo antes, exercía a docencia noutro instituto de Andalucía.

Cando o 20 de novembro, á mañá cedo, souben da morte de Franco e que se suspendían as clases en toda España durante unha semana, non tardei en conseguir un billete de avión Córdoba-Madrid-Vigo, e cando cheguei xa estaba a miña familia na casa do meu irmán o Julio, que rexentaba un modesto restaurante na cidade viguesa. Eu, ben cedo, telefonara a Lugo, ao meu colega e amigo Gonzalo Allegue, para que trasladase, canto antes, a Vigo, a Emilia, a miña esposa, e aos dous fillos pequenos, Xesús (Cuchus Pimentel) e Sara. (O maior, Emilio (+) cursaba primeiro de Medicina na Facultade de Santiago).

Quedei aliviado cando tiven noticia de que a familia estaba lonxe de Lugo, fóra, por conseguinte, das falcatruadas que podería cometer un profesor do instituto, exmilitar e fascistoide, que nola tiña xurada desde o curso anterior por problemas co noso fillo xa na universidade. Naquela histeria, orfos de Franco e temerosos da previsible democracia, xentes deste xorne eran capaces de calquera arroutada.

Por estas circunstancias, eu non tomei o champán preceptivo do día 20 na compaña dos camaradas antifranquistas, que tantas botellas descorcharon nesa data inesquecible. Non se festexaba, nesa data, a morte dunha persoa, si a dun déspota inmisericorde polo seu xorne e pola súa biografía de mediocre, fanático e sanguinario.