Na miña casa, a esta precipitación tan característica da nosa terra coñecida máis popularmente coma orballo, chamámoslle marmaña. Unha choiva miúda que cae persistentemente, envolvéndonos con suavidade. Vivimos nunha xeografía intrínsecamente marcada por este fenómeno, moitas veces asociado ás néboas que cobren os nosos vales e cumes. Existe unha fermosa denominación popular para esta precipitación: choiva criadeira. Este nome débese á súa natureza non agresiva. A auga non escorrega, senón que penetra no chan mainiñamente de xeito gradual, o que a fai moito máis aproveitable. É unha irrigación precisa e sostible que recarga os acuíferos e nutre directamente a terra. Tras os terribles incendios forestais que asolaron Galicia este ano, a marmaña converteuse no fenómeno máis desexado desas zonas. O ideal era que caese dese xeito, pois o seu tacto suave evitaría que o escaso solo, desprotexido polas lapas, fose arrastrado e erosionado. Esta chuvia lenta e constante é vital para permitir o crecemento dunha capa vexetal superficial que sostén o manto do solo para reiniciar a lenta rexeneración da paisaxe. Por desgraza, nalgunhas das zonas máis afectadas, as choivas posteriores foron intensas e torrenciais. Isto provocou o arrastre irreversible desa terra cara aos ríos e as rías, causando danos ambientais e paisaxísticos de moi difícil recuperación. Persoalmente, atopo que a marmaña é case máxica. É unha auténtica bendición que garante que a nosa terra manteña a súa inconfundible cor verde e a súa fertilidade milenaria. É coma un xeito preciso e fermoso de acariñar a natureza para que poida rebrotar con enerxía renovada. Certamente, se a marmaña é permanente, pode facerse pesada ou melancólica. Con todo, se hoxe podemos definirnos como galegos e gozar dunha identidade tan rica, é grazas a este tipo de circunstancias. A riqueza desta experiencia queda patente tamén na nosa lingua: a marmaña ou orballo posúen unha vasta colección de sinónimos como babuña, babuxa, barruzo, chuvisca, froallo ou poalla. Esta abundancia léxica testemuña a profunda conexión cultural e identitaria que mantemos coa nosa choiva. Unha choiva criadeira que nos fai ser quen somos: atlánticos e verdes.