Constituída a comisión asesora do padroado da Fundación de Galegos Ilustres

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O Pazo do Hórreo acolleu este venres a reunión que conformou a comisión asesora.
O Pazo do Hórreo acolleu este venres a reunión que conformou a comisión asesora.

A RAG, o Consello da Cultura, a Academia de Belas Artes, a Arquidiocese de Santiago, as tres universidades, o Museo do Pobo ou a Confraría do Rosario, entre as institucións que achegarán un membro a esta mesa

12 dic 2025 . Actualizado a las 21:41 h.

O Pazo do Hórreo acolleu este venres o encontro que serviu para deixar lista a constitución da comisión asesora do padroado da Fundación de Galegas e Galegos Ilustres e que liderou o presidente do Parlamento autonómico, Miguel Ángel Santalices Vieira, dando así cumprimento ao previsto na Lei 5/2023, do 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

Segundo concluíu a reunión para configurar esta mesa, achegarán un representante cada unha das seguintes institucións: a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes, as tres universidades públicas da comunidade (Santiago, Vigo e A Coruña), as consellerías que teñan atribuídas as funcións de cultura e patrimonio histórico e de facenda e orzamentos, o Concello de Compostela, a Arquidiocese de Santiago, o Museo do Pobo Galego, a Sociedade Económica de Amigos do País, a Confraría do Rosario, aos que se sumarán un membro de cada un dos padroados que honran a memoria das persoas soterradas no Panteón de Galegos Ilustres —na igrexa do convento compostelá de San Domingos de Bonaval repousan actualmente os restos da poeta Rosalía de Castro, o artista, escritor e político Castelao, o político Alfredo Brañas, o poeta Ramón Cabanillas, o escultor Francisco Asorey e o xeógrafo Domingo Fontán.

O padroado da Fundación de Galegas e Galegos Ilustres está presidido polo presidente do Parlamento de Galicia e conta con representantes da Xunta, do Concello de Santiago, da Arquidiocese de Compostela e dos membros da Mesa da Cámara autonómica. A fundación, declarada de interese galego, é unha entidade pública adscrita ao Parlamento que xorde ao abeiro da lei aprobada por unanimidade no 2023 para dotar de seguridade xurídica ao espazo —e velar por el— de San Domingos de Bonaval.