O CDG prepara a súa versión de «Hamlet» con 16 intérpretes

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Membros do elenco de «Hamlet» e o equipo artístico da montaxe que produce o Centro Dramático Galego, con Tito Asorey (segundo pola dereita dos agachados) como director.
Membros do elenco de «Hamlet» e o equipo artístico da montaxe que produce o Centro Dramático Galego, con Tito Asorey (segundo pola dereita dos agachados) como director.

A montaxe sucede a «Memorias dun neno labrego», que inicia a súa xira

26 ene 2026 . Actualizado a las 22:36 h.

Despois do éxito obtido coa adaptación teatral da novela de Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego, enchendo en todas as súas funcións do Salón Teatro de Santiago, o Centro Dramático Galego (CDG) inicia os ensaios para poñer sobre as táboas Hamlet. A versión do clásico de Shakespeare, que se converterá na produción propia central da compañía pública galega nesta tempada, estrearase o próximo 19 de marzo e poderá verse despois —con pases de mércores a domingo— ata o 3 de maio.

Tito Asorey é o encargado da dirección escénica desta traxedia de vinganzas, traizóns e remorsos do príncipe de Dinamarca, que foi publicada en 1603. O actor vigués Alejandro Jato daralle vida a Hamlet sobre as táboas. O elenco de dezaseis artistas complétano Sergio Abelaira, Cristina Andrade, Belén Constenla, Raquel Espada, Isabel Garrido, César Goldi, Marita Martínez, Iolanda Muíños, Anxo Outumuro, Pedro Placer, Adrián Ríos, Machi Salgado, Toni Salgado, Inés Salvado Gontad e Sergio Zearreta. Os actores e actrices desta montaxe de gran formato foron escollidos despois dun proceso de audicións ao que concorreron trescentos profesionais.

Coa elección de Hamlet, a compañía dependente da Consellería de Cultura dálle continuidade a súa liña de traballo de traer ao galego as grandes obras da dramaturxia universal. Unha aposta que combina con novas propostas, como aconteceu con A serie Clopen, que incorporaba o circo, así como a adaptación de clásicos da literatura propia como Memorias dun neno labrego.

As entradas para este clásico de Shakespeare en galego con adaptación por parte de Asorey xunto a Vanesa Sotelo xa se poden mercar a través do portal de Ataquilla desde 10 euros. Todas as sesións serán ás 18.00 horas.

Á vez que este Hamlet colle forma de cara á súa estrea o 19 de marzo, a coprodución do CDG e Contraproducións baseada na novela de Neira Vilas iniciará a primeira parte da súa xira. A montaxe dirixida por Cándido Pazó chegará o sábado aos escenarios de Vimianzo. Xa en febreiro Memorias dun neno labrego visitará Nigrán (día 1), Lugo (día 5), Ribeira (día 6), Vilalba (día 7), Rianxo (día 18), Monforte de Lemos (día 19), O Barco de Valdeorras (día 20) e Carballo (día 21). Entre o 11 e o 15 de febreiro regresará á sede do CDG despois do éxito acadado con todas as funcións cun cheo entre o 8 e o 25 deste mes. As entradas para as funcións en Compostela xa están esgotadas.